Pasar al contenido principal

Román Rodríguez visita o CPI Plurilingüe de Vedra, onde coñeceu de primeira man o curso de programación informática nas escolas

Programacion nas escolas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o CPI de Vedra, onde coñeceu de primeira man o curso de programación informática nas escolas que se está desenvolvendo neste centro. Arredor de 200 nenos e nenas de 6º curso de Primaria e 1º de ESO participan neste iniciativa pioneira para introducir aos rapaces en coñecementos básicos de computación, dunha forma sinxela e amena.

En colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a ‘Programación nas escolas’ púxose en marcha por primeira vez neste curso en 10 centros escolares adscritos á rede Abalar. O curso -impartido por profesionais informáticos e docentes dos centros- consta dun total de 10 horas distribuídas en varias semanas, e están dirixidos a alumnos de entre 5º de Primaria ata 2º de ESO. Trátase dunha formación complementaria á que os alumnos acceden de forma voluntaria, xa que as clases se imparten fóra do horario escolar.

Familiarizarse cos ordenadores

O obxectivo é introducir aos escolares, dunha maneira proactiva e lúdica, a programar, familiarizándoos co pensamento computacional. Deste xeito, os alumnos e alumnas participantes poden coñecer as ferramentas necesarias para comprender que son e como funcionan os ordenadores e os programas e aplicacións informáticas que rexen o día a día. Xa que logo, poderán entender moito mellor a realidade na que se moven ao tempo que se fomentan as súas capacidades creativas na medida en que poden crear as súas propias aplicacións interactivas como animacións, videoxogos ou simulacións, entre outros.

Para tal fin emprégase o programa informático Scratch, deseñado polo MIT (Massachusetts Institute of Technology), especialmente dirixido a nenos e nenas de 6 a 16 anos. Este programa destaca, sobre todo, porque permite aos seus usuarios investigar e introducirse na programación de ordenadores a través dunha interfaz gráfica moi sinxela e intuitiva; ao tempo que fomenta a colaboración e o traballo en equipo na medida en que permite compartir proxectos, scripts e personaxes.

A día de hoxe xa finalizaron os cursos nos centros CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago), CEIP de Castrelo (Cambados), CEIP Anexa (Lugo), CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón), CEIP da Rabadeira (Oleiros), CEIP Frian-Teis (Vigo), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras), CPI de Castroverde, CPI Curros Enríquez (Pazos de Borbén).

Características do CPI Plurilingüe de Vedra

O CPI de Vedra ten implantado o plurilingüismo en todas as etapas educativas, en infantil primaria e secundaria. Ademais, desde o ano 2011, forma parte da rede de centros Abalar, con 7 aulas dixitalizadas e foron entregados 126 netbooks, o que supuxo un investimento de algo máis de 79.000 euros.

Así mesmo, a Consellería de Cultura e Educación leva investidos preto de 62.000 euros en obras de mellora deste centro desde o ano 2009, co fin de axeitar as súas instalacións ás necesidades actuais. Nesta liña, a obra máis destacada foi o arranxo da cuberta do centro, ao que se destinaron case 30.000 euros.