Pasar al contenido principal

A campaña "1 Mes 1 Profesión Dixital" amosará as novas competencias e habilidades do Xornalismo o vindeiro día 3

Logo 1 mes 1 profesion

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro martes 3 a xornada Faite profesional dixital do xornalismo. O encontro é o sexto e último da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual no eido do xornalismo. Os relatores exporán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público. 

O encontro desenvolverase de 16.45 a 19.00 horas na Aula 0 da Facultade de Ciencias da Comunicación. A inscrición é libre e gratuíta, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web www.profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan. 

Relatores e programa

Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa, intervirá Manuel Gago, xornalista experto en blogs e profesor universitario. A continuación, Alejandro Espiño falará do e-xornalismo local desde a súa experiencia como periodista e fundador de PontevedraViva.com.

De seguido, Esther Medina abordará a comunicación dixital no eido público desde o seu punto de vista como xefa de Innovación e Novas Canles da CRTVG. Despois da súa intervención, o investigador e vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Carlos Toural, abordará a marca persoal coa súa conferencia "Cómo vestir o ego dixital"

Como remate da  xornada Faite profesional dixital do xornalismo, está previsto un debate entre os relatores e o público. 

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital do marketing dixital. Constituíu un ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais que se pechou con esta última xornada co obxectivo xeral de crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a Amtega.