Pasar al contenido principal

O CPEIG participará o 04/11 no I Hackatón solidario, convidado polo Concello de Padrón, para valorar os proxectos presentados

Símbolo do CPEIG

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez,  participará o vindeiro día 4 de novembro no comité de expertos do I Hackatón solidario, convocado polo Concello de Padrón. No encontro, os participantes compartirán as súas ideas para mellorar a accesibilidade e usabilidade do acceso de persoas con discapacidade intelectual á tecnoloxía.

O concello padronés está a liderar o Proxecto Piloto de Innovación Social Dixital: "Intro para tod@s" a través da súa Aula CeMIT e co apoio e colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)  e a Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (AMIPA) da comarca do Sar e Fundetec. 

No marco dese proxecto, xorde o I Hackatón solidario sobre usabilidade e accesibilidade das TICs baseado en software libre, que aspira a que desenvolvedores de sistemas e empresas dedicadas á tecnoloxía sumen solidariamente os seus esforzos para mellorar a accesibilidade e usabilidade do equipamento informático de uso público da aula CeMIT de Padrón, coa finalidade de facer máis autónomas as persoas usuarias con discapacidade intelectual (PcDI) da Asociación de Nais e Pais de PcDI da comarca do Sar.

Comité de expertos

O presidente do CPEIG encargarase, xunto co resto do comité de expertos, de valorar e identificar a viabilidade e calidade dos prototipos presentados durante a segunda parte do Hackatón. O comité terá como referencia as necesidades expostas desde a Aula CeMIT, plasmadas nas bases do concurso. 

Podedes atopar máis información sobre a convocatoria e as bases do concurso así como acceder ao formulario de inscrición na seguinte ligazón: http://cemitpadron.blogspot.com.es.