Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Secretaría Xeral de Igualdade entréganlles os diplomas ás alumnas de Dodro do programa Rede Emprende

Rede Emprende Dodro

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, acompañou o pasado 17 de novembro á secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na entrega dos diplomas de asistencia ás xornadas da Rede Emprende en Igualdade en Dodro (A Coruña). Foron un total de 21 alumnas as participantes. Tamén estiveron presentes no acto o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza, e a tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do concello, Mª Soledad Boga Grela.

Segundo destacou a secretaria xeral, a Rede Emprende en Igualdade ten como finalidade "mellorar as capacidades de emprendemento e busca de emprego feminino a través do fomento e coñecemento das competencias e formación tecnolóxica e as redes sociais, así como a posta en marcha e modernización das actividades e capacidades empresariais e persoais, fundamentais hoxe en día para acadar unha mellora profesional". En total, esta edición das xornadas Rede Emprende formará a unhas 180 alumnas.

Ás mulleres participantes nesta iniciativa que é froito da colaboración do CPEIG e a Secretaría Xeral de Igualdade, proporciónaselles formación e asesoramento en Iniciación a Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; procura de emprego; as TICs como ferramenta transversal de aforro de tempo; a creación de empresas; e a igualdade de xénero.

No presente ano 2015 púxose en marcha a terceira edición das accións formativas en novas tecnoloxías. Para o seu desenvolvemento, a Secretaría Xeral de Igualdade conta coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), da Amtega coa posta a disposición da súa rede de aulas CEMIT, e dos concellos onde se van a realizar os cursos, son Dodro, Ordes, Ortigueira, Palas de Rei, Vilalba, Avión, Verín, A Guarda, Marín e Vila de Cruces. Os cursos teñen unha duración de 20 horas, cun máximo de 25 alumnas, os imparten profesionais do CPEIG, e celebraranse na aula CEMIT existentes nos correspondentes concellos.

A iniciativa inscríbese no eixe 3 do "VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres", da Secretaría Xeral de Igualdade, que busca "outorgar unha maior relevancia ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora".

Foto proporcionada pola Xunta de Galicia