Pasar al contenido principal

CPEIG e Xunta de Galicia colaboran na aplicación EscApp para axudar ás mulleres vítimas de violencia de xénero

EscApp

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinou o pasado 1 de decembro un convenio de colaboración co presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, para pór en marcha EscApp, unha aplicación específica para axudar as mulleres vítimas de violencia de xénero. O acto celebrouse na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, en Santiago de Compostela.

O acordo asinado busca tamén favorecer unha innovación tecnolóxica que contemple a perspectiva de xénero e axude a superar a desigualdade tecnolóxica das mulleres, ao tempo que contribúa á loita contra a violencia de xénero a través de accións formativas, de información e divulgación, facendo fincapé especial na xente moza e o seu uso das tecnoloxías.

A EscApp é unha nova aplicación específica para vítimas de violencia de xénero pero  tamén para aquelas persoas que coñezan algún caso de maltrato a mulleres. Permite obter información de apoio e acceder a recursos, coma centros de información á muller, comisarías ou hospitais, entre outros. Está dispoñible tanto en IOS coma en Android

A aplicación é de uso sinxelo, intuitivo, gratuíto e, o que é máis importante, confidencial, xa que está deseñada para que permaneza oculta no menú do teléfono de tal maneira que tan só a usuaria implicada saiba que dispón dunha aplicación sobre violencia de xénero

Agradecemento ao CPEIG

Alfonso Rueda agradeceulle ao CPEIG a súa colaboración nunha materia "de tanta importancia non só para o Goberno, senón para toda a sociedade, xa que a procura da igualdade e a erradicación da violencia de xénero son dous obxectivos fundamentais dunha sociedade moderna".

Segundo explicou o presidente CPEIG, Fernando Suárez, EscApp é unha aplicación que ten por obxectivo achegar información de utilidade ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia de xénero e a todas as persoas que poidan axudar a rematar con este tipo de situacións. A idea foi crear unha aplicación de moi sinxelo uso e intuitiva, pero que recolla os principais consellos e recomendacións para mulleres vítimas de maltrato de xénero. Así, ademais de apartados como "primeiros sinais", "qué facer" ou "preguntas frecuentes", recolle un completo directorio de recursos que están xeoposicionados, de forma que se presenten os máis próximos á usuaria. "A aplicación camúflase como unha app de información xenérica para evitar sospeitas e está protexida por un contrasinal que debe determinar a propia usuaria", afondou Suárez Lorenzo.

Uso da APP

A App discorre a través de 8 ítems moi sinxelos e prácticos

  1. Primeiros sinais do maltrato: pautas para identificar se estás vivindo potenciais situacións de maltrato.
  2. Qué facer: consellos e indicacións de como proceder tanto se a muller é vítima de violencia directamente ou pautas de cómo actuar para calquera persoa que teña coñecemento dunha situación deste tipo.
  3. Tips para a túa seguridade: ofrece pautas de actuación a quen viva situacións de violencia, tanto se aínda non abandonou a dita situación (ofrece consellos claros e directos de como proceder para rachar con ela), como si xa se denunciou a situación (ofrece consellos para a seguridade física da vítima).
  4. Preguntas frecuentes: contén a resposta ás preguntas que as mulleres que padecen violencia de xénero realizan de xeito recorrente, sobre todo en relación coa denuncia e a súa interposición, sobre a orde de protección e o que implica e sobre os recursos dos que pode dispoñer.
  5. Preto de min: Activa a través do xeoposicionamento da vítima ou persoa que use a APP todo o directorio de recursos existentes en Galicia: CIMs, comisarías, hospitais, xulgados específicos etc.
  6. Directorio: Figuran os datos completos da totalidade dos recursos existentes en Galicia (enderezos e teléfonos)
  7. Chama e infórmate: Só con pulsar esta opción, establécese a chamada directa co 016 ou co teléfono 900400273 de información ás mulleres
  8. Galería audiovisual: enlaza coa canle que a Secretaría Xeral da Igualdade ten activa en youtube e na que se soben os diferente produtos audiovisuais que se elaboren en diferentes proxectos. Actualízase automaticamente.