Pasar al contenido principal

O CPEIG implícase de cheo na iniciativa "Hour of Code" cunha ampla programación de actividades

Hora del codigo

O proxecto "Hour of Code", Hora do Código, da entidade estadounidense Code.org ten coma obxectivo o de ensinarlles programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. O CPEIG únese a esta iniciativa, que se levará a cabo durante a semana da docencia en Informática, do día 7 ao 14 do presente mes de decembro.

O CPEIG deseñou unha ampla programación de actividades con motivo da iniciativa "Hora do Código". Entre outras iniciativas, persoas colexiadas realizarán a difusión presencial en distintos centros de ensino de Galicia, comentando a iniciativa e convidando o alumnado a programar unha hora do código. Asemade, un grupo de voluntarios impartirá para a semana unha hora de código en distintos centros e xa se creou un grupo de tradución de materiais, titoriais e da páxina web hourofcode.org ao galego. Na actualidade está xa traducida nun 30 por cento e dispoñible para os usuarios.

Unido ao anterior,  o CPEIG organizará na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense unha xornada o vindeiro venres día 11 e a Facultade de Informática da Coruña acollerá outra na que colaborará o CPEIG.

O Colexio conta co correo horadocodigo@cpeig.gal a disposición daquelas persoas que consideren de interese a proposta.

Sobre Code.org

Code.org® é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación. Para obter máis información, visita: code.org.

Programación nas Escolas

O CPEIG manifestou publicamente en diversas ocasións a súa postura en relación a que a programación informática se incorpore ao currículo escolar. En coherencia con ese pensamento, puxo en marcha, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o proxecto "Programación nas escolas", despois de levar a cabo, con moito éxito, unha experiencia de cursos de scratch que tiveron unha moi boa acollida.

"Programación nas escolas" ten como principal obxectivo ensinarlles aos escolares, dunha maneira proactiva e lúdica, a programar, introducíndoos ao pensamento computacional. Trátase de ofrecerlle aos alumnos e alumnas de primaria as ferramentas necesarias para comprender qué son e cómo funcionan os ordenadores e os programas e aplicacións informáticas que rexen o día a día.