Pasar al contenido principal

Rapazas e rapaces aprenderán nocións básicas de código grazas á ESEI e ao CPEIG dentro da iniciativa Hora do Código

Hora del codigo Ourense

O venres día 11 de decembro a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense abrirá as súas portas para que os rapaces e rapazas de 6 a 17 anos que o desexen se acheguen a aprender –de xeito gratuíto- nocións básicas de programación, impresión 3D e robótica dun xeito ameno, divertido e accesible. Será na Hora do Código, unha iniciativa internacional ao que o centro se une xunto ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e á Concellaría de Educación de Ourense. 

A iniciativa foi presentada o pasado luns, día 7, no campus de Ourense polos representantes das entidades organizadoras. "É importante que os rapaces e rapazas coñezan o que hai detrás de instrumentos que empregan todos os días, que forman parte xa da súa vida diaria", comentou Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O obxectivo da iniciativa é, recalcou Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), "estender os coñecementos de ciencias da computación" aos máis pequenos e pequenas para que "coñezan os conceptos e o mundo no que viven", un mundo no que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. "Unha hora de código pode resultar moi enriquecedora", subliñou Belén Iglesias, concelleira de Educación, que fixo fincapé en que a programación é hoxe en día "unha das linguaxes máis universais que existen" e que o seu coñecemento fomenta habilidades como a creatividade e a lóxica.

Abertas ao alumnado de Primaria e Secundaria, aos centros e ás familias

Segundo explicaron na presentación este luns da iniciativa, o proxecto Hour of Code, Hora do Código, está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zukerberg. 

Na Escola Superior de Enxeñaría Informática serán tres as actividades que se desenvolverán coa participación de voluntarios do centro e do colexio profesional. A primeira actividade será de introdución á programación e nela haberá sesións dunha hora na que os cativos e cativas de 6 a 10 anos poderán aprender a programar xogos de Starwars ou Frozen. Tamén haberá sesións de iniciación ao Scratch, nas que poderán inscribirse rapaces e rapazas de 10 a 16 anos. A segunda actividade, deseñada para rapaces e rapazas de 10 a 15 anos, será de impresión en 3D, onde as persoas participantes poderán aprender como se fan pezas e se traballa con escáners, impresoras e lapis 3D. Por último, celebrarase unha actividade de programación de dispositivos de robótica con Arduino, pensada para adolescentes de 13 a 17 anos. Para cada actividade haberá varias aulas habilitadas, celebrándose sesións a diferentes horas ás que tamén poden asistir os pais e nais que o desexen. 

Con este programa de balde, as entidades organizadoras quixeron este luns animar a todos os rapaces e rapazas e aos centros de Primaria e Secundaria da provincia de Ourense a inscribirse a través da páxina web habilitada para o evento: http://horadocodigo.gal/