Pasar al contenido principal

Éxito de participación nas actividades impulsadas polo CPEIG con motivo do "Hour of Code"

Hora do codigo ESEI

O Colexio Profesional de Enxeñaria en Informática de Galicia (CPEIG) impulsou a pasada semana, con motivo da iniciativa "Hora do Código," unha ampla programación de actividades coa colaboración e apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. Os obradoiros, totalmente gratuítos, foron dirixidos a nenas e nenos, e tiveron unha grande acollida, de xeito que participaron uns 300 rapaces. 

O proxecto "Hour of Code", "Hora do Código", da entidade estadounidense Code.org ten coma obxectivo o de ensinarlles programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. 

O alumnado do CEP de Ventín (Ames), CEIP Curros Enríquez (Celanova) , CEIP Virxe da Pena da Sela (O Irixo), CEIP Vistahermosa (Ourense) e La Grande Obra de Atocha (A Coruña) recibiu a visita dos colexiados do CPEIG, quen, coa axuda do profesorado, ocuparon a nenas e nenos desde Infantil ata sexto de Primaria  nos diferentes obradoiros para aprender a programar. 

Actividades na ESEI

Asemade,  o CPEIG organizou, xunto coa Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense, unha xornada o  pasado venres, día 11. A ESEI abriu  as súas portas para que os rapaces e rapazas de 6 a 17 anos aprendesen nocións básicas de programación, impresión 3D e robótica dun xeito ameno, divertido e accesible. 

Foron tres as actividades que se desenvolveron coa participación de voluntarios do centro e do colexio profesional. A primeira actividade foi de introdución á programación e nela houbo sesións dunha hora de duración na que os cativos e cativas de 6 a 10 anos aprenderon a programar xogos de Starwars ou Frozen. Tamén houbo sesións de iniciación ao Scratch, nas que se inscribiron rapaces e rapazas de 10 a 16 anos. A segunda actividade, deseñada para rapaces e rapazas de 10 a 15 anos, foi de impresión en 3D, onde as persoas participantes aprenderon como se fan pezas e se traballa con escáners, impresoras e lapis 3D. Por último, celebrouse unha actividade de programación de dispositivos de robótica con Arduino, pensada para adolescentes de 13 a 17 anos. Para cada actividade houbo varias aulas habilitadas, celebrándose sesións a diferentes horas ás que tamén puideron asistir os pais e nais que así o desexaron. 

O obxectivo da iniciativa foi estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que "coñezan os conceptos e o mundo no que viven, un mundo no que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación", segundo sinalou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, na presentación da iniciativa hai uns días. 

Engadido ao anterior, o CPEIG colaborou coa Facultade de Informática da Coruña noutra xornada que tivo lugar na Facultade de Informática da Coruña (FIC) o sábado, día 12 de decembro.

Dentro das iniciativas levadas a cabo polo CPEIG go gallo da "Hora do Código", creouse un grupo de voluntarios de tradución de materiais, titoriais e da páxina web hourofcode.org ao galego.  

Code.org

A "Hora do Código" está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zukerberg. 

Code.org® é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación. Para obter máis información, visita: code.org.