Pasar al contenido principal

O CPEIG colabora no torneo First Lego League Galicia, que organiza a UDC na Facultade de Informática o 20 de febreiro

Logo First Lego League Galicia

O vindeiro día 20 de febreiro terá lugar a segunda edición  da "FIRST LEGO League Galicia" na Coruña, coa organización da Universidade coruñesa e a participación de diferentes patrocinadores, ente eles o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

A FIRST LEGO League (FLL) é un programa que persegue o obxectivo de espertar na mocidade a curiosidade e o interese pola ciencia e a tecnoloxía. Máis información na seguinte ligazón: http://www.udc.es/fll

O CPEIG apoia esta iniciativa, que vai na liña doutras lideradas polo Colexio para achegarlle as tecnoloxías aos cativos, ademais de reforzar a colaboración coa Facultade de Informática e a UDC.

O evento emprega un xogo competitivo e a robótica, mediante Lego como gancho, así coma un proxecto científico que os equipos participantes deben resolver. En todo momento sublíñanse uns valores: o traballo en equipo, a aprendizaxe, o valor da investigación, as habilidades na resolución de problemas, a comprensión do papel da ciencia e a conciencia de contribuír nun aspecto construtivo á nosa sociedade. 

Hai dúas categorías para participar:

  • FIRST LEGO League (FLL). De 10 a 16 anos.
  • Junior FIRST LEGO League (Jr. FLL). De 6 a 9 anos.

O xogo por equipos da FLL consiste no deseño, construción e programación dun robot coa tecnoloxía LEGO® MINDSTORMS®. Deberán superar unha serie de probas nun circuíto idéntico para todos os equipos participantes. 

O  outro desafío que os equipos deberán levar a cabo é a realización do proxecto científico. Todos os participantes enfróntanse a un mesmo problema, que é proposto cada ano pola organización da FLL. Cada equipo debe deseñar unha solución creativa para resolver este problema. Neste desafío a creatividade amosada na solución é fundamental.

O equipo gañador do torneo representará a Galicia no campionato nacional que este ano terá lugar durante os días 12 e 13 de Marzo en Girona.

En paralelo á FLL, ten lugar a FIRST Lego League Junior (Jr. FLL). Co propósito de alimentar a curiosidade dos máis pequenos, con idades comprendidas entre 6 e 9 anos, de forma que estes se acheguen dunha forma divertida ao mundo da ciencia, a tecnoloxía, as matemáticas e a enxeñaría. 

Tanto o torneo FLL Galicia coma os eventos da Jr. FLL terán lugar na Facultade de Informática da Universidade da Coruña..