Pasar al contenido principal

A Xunta e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia fan balance positivo da Rede Emprende en Igualdade

SXI

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, mantivo o pasado día 9 de febreiro unha xuntanza coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na que fixeron balance da Rede Emprende, posta en marcha no ano 2013, e que conta coa colaboración do CPEIG e da Amtega coa posta a disposición da súa rede de aulas CEMIT.

Os cursos tiveron unha duración de 20 horas, cun máximo de 25 alumnas, e foron impartidos por colexiadas e colexiados do CPEIG. As alumnas recibiron información e asesoramento sobre a seguinte temática: iniciación á Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas tecnoloxías e busca de emprego; redes e transposición de experiencias; e perspectiva de xénero. En total, participaron 380 mulleres, polo que o Colexio fai un balance moi positivo da experiencia.

Esta iniciativa inscríbese no eixe 3 do VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres da Secretaría Xeral de Igualdade, que busca "outorgar unha maior relevancia ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora".

A Secretaría Xeral da Igualdade, coa colaboración do CPEIG e no marco da Rede Emprende en Igualdade, desenvolveu unha serie de actuacións de asesoramento, apoio e formación dirixidas ás mulleres potencialmente emprendedoras, en busca de emprego e con ansias de formarse, co obxectivo de axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e competitividade no mercado actual.

Balance dos últimos anos

No ano 2013, foron 10 os concellos que participaron no programa: A Cañiza, Abegondo, Carballiño, Guitiriz, Leiro, Porto do Son, Quiroga, Tui, Valga e Xunqueira de Ambía, coa asistencia de 98 alumnas. No ano 2014, participaron os concellos de Ferrol, Padrón, Ribeira, Burela. Xermade, Celanova, Xinzo de Limia, A Estrada, Cuntis e Vilagarcía de Arousa, coa asistencia de 147 alumnas. E finalmente, o ano pasado, participaron os concellos de Dodro, Ordes, Ortigueira, Palas de Rei, Vilalba, Avión, Verín, A Guarda, Marín e Vila de Cruces, coa asistencia de 135 alumnas.