Pasar al contenido principal

O CPEIG e AJE colaboran a prol do dinamismo e innovación do empresariado galego

AJE

Carmen José López Rodríguez, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE), e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG),  asinaron o pasado día 12 de febreiro un convenio.

O acordo desenvolve o marco de colaboración a través do cal se aproveitarán e potenciarán os recursos de ambas entidades a prol do "fomento da innovación, formación e asesoramento de novos empresarios e emprendedores para a creación e desenvolvemento de empresas e a súa consolidación, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade relacionada que poida ser de mutuo interese".

O  CPEIG manifesta, mediante a rúbrica do acordo, o seu interese en servir de canle de comunicación entre os usuarios dos seus servizos e AJE Galicia, informando sobre a pertenza á mesma, os servizos e actividades que esta realiza "fomentando o asociacionismo como ferramenta de apoio entre os emprendedores e novos empresarios galegos", segundo sinala o texto do convenio.

O CPEIG e AJE Galicia comprométense, dentro da súa respectiva actividade, á promoción e difusión das accións que desenvolva cada entidade individualmente, así como á captación de beneficiarios e posta á  súa disposición da infraestrutura e equipo necesario para o seu desenvolvemento.

Tal e como destaca o máximo representante do Colexio, Fernando Suárez, o CPEIG achegará "apoio, dinamismo e visión de futuro á actividade empresarial galega" ao abeiro do convenio asinado con AJE. Pola súa parte, a presidenta de AJE Galicia salientou "a importancia de xerar sinerxias que sirvan para aunar esforzos na procura dun ecosistema emprendedor innovador coherente coas necesidades e tendencias da nova Galicia empresarial".