Pasar al contenido principal

INEO e CPEIG anovan a súa claboración para reforzar o desenvolvemento do sector

INEO firma convenio

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (INEO) apostan por reforzar a unión do sector TIC galego, polo que renovan as bases da súa  colaboración e reforzan algún aspecto para adaptarse ás necesidades de socios e colexiados. O acordo rubricouse o pasado día 16 de febreiro entre os presidentes de ambas as dúas entidades, é dicir,  Carlos Conde  por INEO e Fernando Suárez polo CPEIG.

O acordo manifesta o interese por crear un espazo de colaboración entre todas as entidades  representantivas  do sector, onde cada cal desenvolva as actividades que lle son máis achegadas e dea cabida ao resto das institucións, de xeito que se maximice o resultado das accións duns e doutros.

Para o CPEIG,o fomento do coñecemento e o uso avanzado das tecnoloxías da información e das comunicacións, en tanto que é un instrumento clave na vida cotiá e de participación na sociedade actual e de futuro, constitúe un obxectivo compartido con INEO. 

En palabras do propio presidente do CPEIG, o convenio supón "un marco de colaboración a través do cal se aproveitan e potencian os recursos de ambas entidades dirixidos ao fomento da innovación, formación e asesoramento de empresarios, emprendedores e profesionais para a creación e desenvolvemento de empresas, e a súa consolidación como entidades empresariais de éxito, tratando de acadar a excelencia dos profesionais e empresas do sector na nosa comunidade". Neste sentido, destaca "o apoio que o CPEIG achegará á actividade empresarial galega no ámbito da Enxeñaría Informática, o seu dinamismo e a súa visión de futuro".

Pola súa banda, o máximo representante de INEO explicou que "a nosa misión é construír un sector competitivo, no  sector TIC o noso principal activo son os profesionais". "Como patronal non podemos permitirnos o luxo de non traballar na mellora das capacidades das persoas se queremos ter unhas empresas fortes", afirmou Carlos Conde.  

Deste xeito, INEO e CPEIG  comprométense a colaborar en proxectos que fomenten o desenvolvemento dos profesionais do sector, con actividades que leven á súa especialización en nichos de mercado de especial interese para Galicia, que complementen a formación técnica regulada que reciben, que faciliten a mobilidade dos  propios traballadores entre empresas do sector ou que estimulen a creación de novas empresas.