Pasar al contenido principal

O CPEIG participa na xuntanza de responsables TIC das entidades locais de Galicia convocados pola Fegamp

TIC FEGAMP

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a través do seu presidente, Fernando Suárez, participou recentemente na xuntanza de responsables TIC das entidades locais de Galicia convocados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A reunión tivo lugar o pasado 31 de marzo na sede de dita federación, en Santiago de Compostela.

Como resumo da súa intervención, o presidente do CPEIG falou da problemática profesional nas administracións e do convenio a asinar coa Fegamp.

En concreto, o acordo abrangue a programación, desenvolvemento e verificación de prácticas non laborais de enxeñeiros/as en Informática, que reúnan as condicións de colexiados e desempregados, en concellos e deputacións de Galicia.

O obxecto das prácticas é o desenvolvemento, por parte destes enxeñeiros/as en Informática, das tarefas que lles sirvan para adquirir unha experiencia enriquecedora para que, unha vez finalizadas, poidan dispoñer dunha perspectiva que lles permita a súa incorporación ao mundo laboral.

Pola súa banda, a Fegamp -segundo explicou Fernando Suárez na súa intervención- comprométese a colaborar co CPEIG facilitándolle aos alumnos e alumnas a realización das prácticas que lles permitan completar a súa formación no eido local.

Para  conseguilo, a Fegamp divulgará entre os concellos e deputacións de Galicia a existencia deste convenio, coa finalidade de que as entidades oferten prazas de prácticas para enxeñeiros/as en Informática.

O período de prácticas será de duración determinada, non sendo, en calquera caso, inferior a tres meses nin superior a seis meses. 

Día a día da profesión

Na súa charla, o presidente do CPEIG referiuse á necesidade de renovar ou actualizar cada 5 anos cando menos tanto o hardware coma o software e aludiu á "pouca implicación -en xeral- dos departamentos finais no proceso de informatización dos concellos" e aos escasos recursos económicos cos que se dota ao departamento de Informática.

Sinalou tamén a falla de especialización do persoal en novas tecnoloxías e avogou por que os responsables TIC das administracións locais teñan acceso a unha formación específica.

Tamén se referiu á responsabilidade legal do departamento de Informática dun concello e á necesidade de interoperabilidade entre os distintos concellos cunha única solución común.

Na xornada, ademais do máximo responsable do CPEIG, participaron representantes da Amtega e de Puntogal.