Pasar al contenido principal

A campaña "1 Mes 1 Profesión Dixital" abordará o Big Data o vindeiro día 29 en Ourense

Logo 1 mes 1 profesion

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2016.-  O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro venres 29 a xornada Faladoiros dixitais ao redor do Big Data. O encontro é o primeiro da segunda edición da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase no Centro de Coñecemento La Molinera, na cidade de Ourense. 

Os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual ao redor do Big Data (datos masivos). Os relatores exporán as características e requisitos das súas funcións profesionais, tanto de xeito individual coma nun debate conxunto e aberto ao público.

O encontro desenvolverase de 09.45 a 14.00 horas no auditorio do Centro Tecnolóxico La Molinera. A inscrición é libre e gratuíta, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web www.profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan. 

Programa e relatores

Tras a benvida institucional, a cargo do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o  presidente do CPEIG, Fernando Suárez intervirá David Losada, director do Master BIG Data da USC.

Despois dun descanso, ás 11.45H. falarase de "Boas Prácticas en Big Data", a través das experiencias de ABANCA e PSA Groupe. Os relatores serán Adolfo de la Torre, experto en Infraestrutura IT de PSA Groupe, quen disertará ao redor dun relatorio cuxo título é "Do Big Data ao Smart Data, tecnoloxía e conceptos" e por parte de ABANCA intervirán Jorge García Romarís e José Valiño.

Como remate da  xornada está previsto un debate entre os relatores e o público. A organización prevé que o encontro remate contra as dúas da tarde. 

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o mes de abril do ano pasado e incluíu un ciclo de seis xornadas.  Co encontro de Ourense iníciase a segunda edición desta campaña que ten por obxectivo xeral o de crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a Amtega.