O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público o recoñecemento á Fundación Vodafone España, gañadora do premio e-Inclusión pola súa acción social, que realiza con proxectos apoiados en desenvolvementos das TIC a prol das persoas maiores e das persoas con discapacidade baixo o epígrafe "Connecting for Good".
O CPEIG fará entrega do galardón o vindeiro día 3 de xuño dentro da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que terá lugar no Hotel-Monumento San Francisco en Santiago de Compostela.
A Xunta de Goberno do CPEIG valorou que a Fundación Vodafone España é unha institución non lucrativa, de ámbito nacional, que forma parte do Grupo Vodafone, unha das principais corporacións do mundo do sector das telecomunicacións.
A prol dos grupos vulnerables
As actividades da Fundación Vodafone España diríxense ao desenvolvemento das TIC para fomentar a accesibilidade universal, a vida independente e a inserción socio- laboral a prol dos grupos vulnerables, especialmente maiores e persoas con discapacidade.
Realiza os seus proxectos en colaboración con institucións representantes deses colectivos relacionadas coa investigación, a formación e a atención (Cruz Vermella, ONCE, CNSE, Conf ASPACE, COGAMI, CEOMA, FEGAUS, ATEGAL, PREDIF, PLENA Inclusión, Orden de San Juan de Dios ou Down España, entre outras). Ademais, contribúe á difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións e informes. Pódese ver, resumido, en: https://www.youtube.com/watch?v=iISkEqfRkik
Catro programas principais enmarcan as devanditas actividades:
- Promoción do Coñecemento C4G: estudos, investigacións, obradoiros e congresos para divulgar as oportunidades das TIC para dar resposta ás necesidades de colectivos vulnerables; ademais de convocatorias nacionais, entre outras, os Premios Vodafone de Periodismo.
- Desenvolvemento e despregamento de Solución C4G: proxectos de innovación en TIC accesibles para mellorar a calidade de vida de grupos vulnerables e transferilos á sociedade de forma sustentable.
- Formación C4G, para conseguir, por un lado, a empregabilidade das persoas con discapacidade a partir da formación nesas novas tecnoloxías e, por outro, evitar a fenda dixital nas persoas maiores.
- Colaboracións C4G: acordos e participacións estratéxicas en fundacións e/ou a través de acordos marcos de colaboración que vinculen asociacións de colectivos vulnerables.
E un quinto, complementario:
- Outras actividades adicionais, que recollen accións puntuais, tanto rexionais como a nivel de Grupo.
En Galicia, a Fundación Vodafone España está presente cos seus programas desde a súa creación.