Santiago de Compostela, 26 de maio de 2016.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acordou outorgarlle á catedrática Nieves Rodríguez Brisaboa o Premio Ada Byron, mediante o cal recoñece e fai visible o traballo da muller no eido informático.
A galardoada, quen é doutora en Computación e Psicoloxía, recollerá unha estatuíña conmemorativa o vindeiro día 3 de xuño, dentro dos premios anuais da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia".
Brisaboa é catedrática da Universidade da Coruña da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos e creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado como grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia, que dirixe desde entón. Debido a que o LBD é moi activo tanto no desenvolvemento de proxectos de I+D como na consecución de proxectos de transferencia e innovación financiados por fondos privados, impulsou en 2002 a creación dunha empresa spin-off denominada ENXENIO S.L. que, baseándose na innovación, comercializa produtos informáticos punteiros.
Tamén xestora
A galardoada, que é coruñesa, foi entre 2007 e 2010 xestora do plan galego de I+D+i para a Sociedade da Información, cargo ao que renuncia en 2010 para asumir a responsabilidade de xestora do Plan Nacional de I+D en Tecnoloxías Informáticas hasta 2014.
Desempeñou tamén cargos de xestión académica: foi desde secretaria da Facultade a adxunta as Vicerreitorías de Innovación Tecnolóxica (2011-2004)e á de Investigación e Transferencia (2012-2013).
O seu traballo de investigación deu lugar a numerosas publicacións en foros internacionais de primeiro nivel e as súas contribucións na recuperación de información, compresión e indexación de textos, bibliotecas dixitais e sistemas de información xeográfica son citadas internacionalmente.
Así meso, ten unha longa experiencia na dirección de proxectos obtidos en convocatorias públicas cun importe total de máis de 1,5 millóns de euros e a obtención de contratos de transferencia de tecnoloxía con empresas privadas e administracións públicas por máis de 2,5 millóns de euros. Por último, cómpre mencionar, dentro da intensa traxectoria de Nieves Rodríguez Brisaboa, a dirección de 10 teses de doutoramento, 6 delas internacionais e todas coa máxima cualificación de cum laude.
Quen foi Ada Byron
Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos. O CPEIG elixiu o nome desta brillante muller para nomear un dos oitos premios que entrega anualmente.
Sobre o CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.