Patricia Rodríguez Dapena recollerá o vindeiro día 3 de xuño o Premio Traxectoria Profesional, concedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) dentro dos seus galardóns anuais. A premiada é licenciada en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid (1982-1987) e doutora pola Universidade Técnica de Eindhoven – Holanda .
Na actualidade, Patricia Rodríguez Dapena é CEO da empresa Softwcare S.L. Foi enxeñeira de software e de calidade de software en diferentes empresas españolas (SCYT, ENTEL Defensa e Aeroespacial, INTA, GMV) entre 1987 e 1992 e nese último ano pasou a ser staff da Axencia Espacial Europea en Holanda (ESTEC). Alí realizou ata o ano 2000 labores de soporte aos desenvolvemento de software embarcado en satélites desenvolvidos por diferentes industrias espaciais europeas, ademais de ser responsable de diversos proxectos de I+D.
Software crítico
Desde 2001, á súa volta voluntaria a España, é fundadora e xerente de Softwcare SL, micro PEME dedicada á verificación e validación de software crítico, ademais e en particular á avaliación da robustez, seguridade e fiabilidade e a realización de verificación e validación independente de software, en sectores como o espacial, aeronáutico e automoción.
Outras empresas nas que Patrica Rodríguez foi en paralelo fundadora e socia son: Knowledge Investors, BlueLabs, SoftQcare e AIE con everis Aeroespacial e Defensa: Evercare.
Proxectos nos que actualmente está involucrada Softwcare:
- Verificación e validación independente do software crítico de control tanto do satélite coma dos instrumentos do novo Meteosat Terceira Xeración para la Axencia Espacial Europea.
- Iniciando a participación no proxecto de UAVs para a Xunta de Galicia en aspectos de verificación, validación, calidade e certificación do software de control e do piloto.
- Varios proxectos de avaliación e certificación da seguridade de SW crítico no sector da automoción, dentro da arquitectura xenérica AUTOSAR.
As áreas de I+D+i que dirixe Patricia Rodríguez e nas que está directamente involucrada son principalmente:
- Definición dos niveis de criticidade para o software.
- Mellora das actividades de ISVV na ESA, recompilando datos de proxectos de ISVV para a ESA e analizándoos para proporcionar guías de optimización destes proxectos de ISVV e mellorar a adaptación aos proxectos.
- Guías de métodos e técnicas a ser utilizadas nos proxectos para previr tanto a introdución como a propagación de fallos entre compoñentes de software de diferentes niveis de criticidade, ademais de métodos de tolerancia a fallos de SW en sistemas espaciais.
Como apoio a AENOR normalización, é a responsable da representación española nos grupos de traballo de ISO/SC7 nos temas de procesos de ciclos de vida de software e sistema (Working Group 7), avaliación de procesos (Working Group 10) e de procesos de software para Very Small Entities (VSE) (Working Group 24).
Por último, cómpre destacar que a galardoada co Premio Traxectoria Profesional publicou artigos en revistas e congresos desde o comezo da súa carreira profesional, ademais de ter sido profesora asociada a tempo parcial tanto na Universidade Politécnica de Madrid como na USC.