Pasar al contenido principal

O Reino Unido proxecta unha grande base de datos para 'e-mails' e chamadas

O ministerio británico do Interior proxecta unha grande base de datos para gardar detalles das chamadas telefónicas, os correos electrónicos e do tempo que dedican a Internet os cidadáns do país.

De acordo co plan, do que informa o diario 'The Times, as compañías telefónicas e os provedores de Internet veríanse obrigadas a entregar automaticamente esa información ao ministerio do Interior.

Este último conservaría os datos durante un mínimo de 12 meses e a policía e os servizos de seguridade terían acceso a eles previa autorización dun xuíz.

O proxecto do ministerio do Interior forma parte do plan do Goberno laborista de aplicar unha directiva adoptada pola Unión Europea tras os sanguentos ataques terroristas de xullo do 2005 na capital británica.

Súmase á introdución dun carné de identidade no Reino Unido e ao plan de conservar noutro grande banco de datos o historial médico dos pacientes do servizo de sanidade pública.

O ano pasado enviáronse 57.000 millóns de mensaxes de texto por teléfono móbil e calcúlanse en 3.000 millóns os correos electrónicos que se mandan diariamente neste país.

Preocupación

O plan "preocúpanos e cremos que vai demasiado lonxe. Non cremos que haxa xustificación ningunha para que o Estado garde eses detalles das chamadas telefónicas e o uso de Internet de todos os cidadáns", afirma Jonathan Bamford, encargado de velar pola protección dos datos persoais dos cidadáns.

"Xa advertimos varias veces de que camiñamos somnámbulos cara a unha sociedade de vixilancia total do cidadán. Ademais, cantos máis datos se recollan e garden, maior é o problema se se perden, se venden ou se rouban", agrega.

O voceiro do Interior da oposición conservadora, David Davis, referiuse á recente perda polo goberno de datos persoais de millóns de cidadáns e dixo que o novo plan "podería ser antes unha ameaza que un apoio á nosa seguridade".

Das operadoras ao Goberno

Dende o pasado outubro, as compañías telefónicas están obrigadas a conservar durante un ano os detalles das chamadas telefónicas e as mensaxes de texto, requisito que se vai estender a Internet, aos correos electrónicos e ás chamadas por Internet nun próximo proxecto de lei sobre comunicacións, tal e como tamén sucede en España.

A policía e os servizos de seguridade poden acceder a eses datos previoaautorización xudicial, pero o ministerio británico do Interior pretende que os datos non os garden no futuro as propias empresas de telecomunicacións senón que se entreguen automaticamente ao Goberno.