Pasar al contenido principal

O programa do Día Internacional das Rapazas nas TIC, organizado polo CESGA, contará co apoio do CPEIG

tic girls

O  vindeiro xoves, día 27 de abril, conmemórase o "Día Internacional das Rapazas nas TIC" (Girls in ICT Day), unha celebración promovida pola entidade International Telecommunications Union (ITU) co obxectivo de motivar as novas xeracións de rapazas para que consideren o eido das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Multitude de organismos e entidades en todo o mundo sumarán iniciativas con esa intención.

En Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), lidera a conmemoración co apoio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e organiza un completo programa de actividades que se desenvolverá na súa sede en Santiago de Compostela co seguinte contido:

Coloquio virtual

Ás 11.00 horas, terá lugar un coloquio virtual por multiconferencia desde centros educativos con catro destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de secundaria poderá coñecer no seu día a día, preguntarlles calquera dúbida sobre este eido profesional ou sobre as motivacións persoais que as levaron a traballar neste ámbito. A duración da actividade será ata as 12:30H. e nela participarán:

-Carmen Cotelo Queijo. Licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa dende 1999 no CESGA, onde é analista informática sénior e coordina a participación do CESGA no proxecto europeo Fortissimo 2. Ten unha longa experiencia en proxectos de I+D en diferentes ámbitos como son: comercio electrónico, computación de altas prestacións e grid, aplicacións científicas e soporte a empresas para a incorporación de HPC aos seus procesos.

-Nieves R. Brisaboa. Doutora en Computación e Psicoloxía. Catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia. Foi xestora do Plan Nacional de Investigación en Informática entre 2010 e 2014. Recibiu no ano 2016 o premio Ada Byron do CPEIG, pola promoción da Informática entre as mulleres. Impulsa tanto a investigación de excelencia como a transferencia  de tecnoloxía. 

-Alba Alonso, doutora en Filoloxía Inglesa e mestra, emprendedora e fundadora da empresa  RealKiddys.com, unha plataforma que promove un proxecto educativo de igualdade de xénero e coeducación sen estereotipos, elaborando material e actividades para traballar neste eido. Entre outras iniciativas, é relatora no TEDxGalicia 2015.

-María Jesús Taboada, doutora en Ciencias Físicas pola USC. Investigadora en Intelixencia Artificial e as súas aplicacións na medicina dende o departamento de Electrónica e Computación da USC. Dirixe o grupo de investigación KEAM (Knowledge Engineering Applied to Medicine), referente a nivel internacional no seu eido.

Para participaren no evento da mañá, os centros educativos deben poñerse en contacto coa organización neste formulario e recibir así as instrucións para conectar co CESGA ese día. O evento terá unha duración aproximada de hora e media.

Pola tarde (de 17:00 a 19:00H.), celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades para rapazas (e rapaces) de entre 10 a 14 anos de idade. Ao comezo da mesma, presentarase o Movemento Code Girls Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia e a Tech Academy.

Relacións de obradoiros prácticos:

  • Programación básica con Scratch, LEGO, Minecraft…
  • Creación de booktrailers (trailers en vídeo sobre libros, no marco do concurso educativo de creación de Booktrailers organizado polo CPI O Cruce)
  • Creación de arte píxel-dixital
  • Demostracións prácticas de impresión 3D, robótica, realidade aumentada, Makey-makey, etc…
  • Visitas guiadas ao corazón do Superordenador Finis Terrae 2

 As prazas son limitadas. Para inscribirse por favor cubride este formulario para que o CESGA teña o nome do asistente e confirme a praza antes do día 25 de abril. Podedes seguir toda a información do evento e das  actividades en www.cesga.gal  ou en:

·         Facebook: https://www.facebook.com/ICTGoGirls

·         Twitter: https://twitter.com/ICTGoGirls

·         Youtube: https://www.youtube.com/playlist?list=PLaYnwE2ZurwETyjAShB6_XNmWYnHQycAf