Pasar al contenido principal

A historia da informática na USC, nunha mostra aberta ao público no Colexio de Fonseca

Expo

"Desde a máquina perforadora, que nos permitiu facer a nosa tese de doutoramento e boa parte das primeiras investigacións, ata os famosos Mac LC ou o Toshiba Portátil, cos que nos levamos o traballo a casa". Así lembra o reitor Juan Viaño a época na que a informática chegou ás nosas vidas e que dende hoxe forma parte dunha exposición na sala multiusos do Colexio de Fonseca, con entrada polo xardín situado fronte a Correos. 

A mostra, comisariada polo profesor José Ángel Docobo, pretende guiar o espectador pola historia da informática na USC, que arranca no ano 1969 cando o reitor García Carrido decide impulsar un centro de cálculo propio grazas á colaboración da Fundación Barrié de la Maza. "Esa foi unha decisión que marcaría o inicio da modernización tecnolóxica na universidade", dixo Viaño na inauguración. 

En efecto, a constitución do Centro de Cálculo Barrié de la Maza é unha das claves da mostra, como tamén o é o Proxecto Telegal, que levou a informática ás ensinanzas primaria e secundaria de Galicia. Ademais, exponse o primeiro computador analóxico que tivo a USC e mediante paneis didácticos coñécense as partes básicas e características dun ordenador e a evolución da informática dende os anos setenta ata hoxe a través dun compendio de aparellos dos 80 e 90 e dos distintos soportes de almacenamento de datos. Inclúese tamén un apartado dedicado ás aplicacións actuais da computación en distintas liñas de investigación que se están a desenvolver na USC. 

A exposición conta cunha importante achega tanto do Centro de Supercomputación de Galicia como do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Poderá visitarse durante todo este ano de 12.00 a 20.00 horas de luns a venres e ata as 15 horas os sábados. 

Os centros educativos e outros colectivos interesados en realizar unha visita guiada poden poñerse en contacto co profesor Docobo no enderezo joseangel.docobo@usc.es.