Pasar al contenido principal

O CPEIG cita a expertos en ciberseguridade nunha xornada o 8 de xuño para poñer a Galicia á vangarda

ciberseguridade

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) reunirá o vindeiro 8 de xuño, baixo o patrocinio da firma Emetel e a colaboración de Abanca e Symantec, un elenco de expertos en ciberseguridade. A "II Xornada de Ciberseguridade en Galicia. Protexendo os nosos activos" porá a comunidade galega á vangarda dunha das principais preocupacións actuais  do empresariado, administracións e particulares. 

A asistencia ao encontro, que se celebrará no Centro Abanca Obra Social, na Praza de Cervantes en Santiago de Compostela, é aberta, previa inscrición en en https://ii-xornada-ciberseguridade.eventbrite.es.

Programa

A xornada comezará ás 10 da mañá cunha benvida institucional na que participarán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o director xeral de Emetel, Manuel Lago;  e Roberto Baratta, Global Executive VP and director of Loss Prevention, Business Continuity and Security de Abanca.

A partir das 10.15 horas, sucederanse varios relatorios  sobre administracións públicas, a cargo de: Xavier Gatius, do Centro de Seguridade da Información de Cataluña (Cesicat); Rafael Pedrera Macías, do Centro Nacional de Protección de Infraestruturas Críticas  (CNPIC), e Adrián Lence Paz, pola Amtega.

Despois dunha pausa, a xornada retomará a actividade contra o mediodía para ofrecer varios relatorios sobre a empresa, dos que se ocuparán: Ramsés Gallego, de Symantec, e Tomás Rubio, responsable de Security Systems Zona Este de IBM.

Ás 13 horas celebrarase unha mesa redonda baixo o epígrafe de "As empresas galegas no novo contexto tecnolóxico", a cargo de Roberto Baratta de Abanca;  Andrés Tarascó, de Tarlogic; Iago Fortes, de Inprosec; Susana Rey, de R; e Rafael Ave, de Emetel.

O peche da xornada será ás 14.00 horas a cargo de Roberto Baratta, Fernando Suárez e Manuel Lago.

Datos do Incibe

De acordo coas estimacións do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), as incidencias en seguridade nas redes informáticas a raíz do ciberataque de alcance mundial de mediados do mes de maio afectaron a máis de 360.000 equipos e tiveron impacto en 180 países diferentes. España ocupa a posición número 18 no ranking de países afectados polo 'ransomware wannacry', con máis de 1.200 infeccións confirmadas.

Nos últimos tempos, os atacantes informáticos profesionalizáronse e os expertos, entre eles o CPEIG,  alertan de que a súa motivación xa non é técnica nin intelectual, senón económica e política. Trátase dun risco global que pode ter gravísimas consecuencias para a economía ou a seguridade da cidadanía.

En opinión do CPEIG, a resposta a ese risco global vai máis alá da tecnoloxía e require un enfoque multidisciplinar, ademais dunha estreita colaboración de gobernos e empresas que cómpre reforzar. Xornadas como a que convoca o CPEIG fortalece ese enfoque máis amplo.