Pasar al contenido principal

ABANCA, Premio Iniciativa Empresarial pola potenciación do ecosistema TIC galego

Abanca

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público o fallo do Premio Iniciativa Empresarial, que nesta edición dos galardóns anuais do ente colexial recaeu na entidade ABANCA. O premio recoñece a "transformación tecnolóxica da rede bancaria, que é trepidante e xeradora de necesidades de emprego".

O galardón do CPEIG referencia a ABANCA como "empresa tractora e un dos principais polos tecnolóxicos de Galicia, fundamental na creación e potenciación do ecosistema do sector TIC galego". A innovación interna representa, para o xurado, un dos seus valores fundamentais pero, ao mesmo tempo, a entidade bancaria é gran impulsora de proxectos innovadores ao apoiar as "startups" do sector TIC con iniciativas como ABANCA Innova www.abancainnova.com . 

Integración das plataformas tecnolóxicas

O Premio  Iniciativa Empresarial deste ano é un recoñecemento tamén á "supervivencia tecnolóxica, á perseveranza por manter unha plataforma tecnolóxica bancaria con decisión en Galicia, grazas, sen dúbida, ao excelente traballo realizado por todo o persoal que compón a dirección de Infraestructura Tecnolóxica, Información, Procesos e Operacións, que conseguiu levar a cabo, con éxito e en tempo récord, fitos tan importantes e complexos como as integracións  das plataformas tecnolóxicas". Ditas integracións foron precisas despois da fusión das caixas e, máis recentemente, da integración co Banco Etcheverría para converterse na actual ABANCA. 

Noite da Enxeñaría en Informática

O CPEIG entregará os seus premios anuais no transcurso da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", o evento TIC referente de Galicia, no que representantes do empresariado, profesionais e persoas colexiadas se reúnen ao redor dunha profesión cunha crecente proxección na sociedade. Este ano terá lugar o 16 de xuño en Santiago de Compostela.