Pasar al contenido principal

Premio Ada Byron para María José Talavera, directora xeral de VMware Iberia

Talavera

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recoñecerá nos seus premios anuais, que entregará o vindeiro venres, o traballo de María José Talavera, directora xeral VMware Iberia, a quen lle concedeu o Premio Ada Byron. A través do galardón que leva o nome da primeira programadora, o colexio quere facer visible o traballo da muller no ámbito informático.

 María José Talavera é na actualidade a directora xeral de VMware Iberia. Desde as oficinas de VMware en Madrid, encárgase de reforzar o liderado da compañía no mercado de Mobilidade e Cloud, así coma o desenvolvemento de negocio de VMware en España e Portugal.

Licenciada en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid, comezou a súa carreira  profesional no sector TI en Lambda Internacional, unha multinacional americana de consultaría de TI. Posteriormente, María José Talavera incorporouse á división Data Management de IBM, primeiro na área de servizos e despois na área de Software. Posteriormente converteuse na responsable de vendas de Software para o Sector Financeiro en IBM e despois na responsable de Vendas Globais para BBVA en IBM, onde se familiarizou  coas negociacións en contornas internacionais.

No ano 2010, María José  uniuse a Compuware, onde ocupou o cargo de directora xeral para España primeiro, e posteriormente tamén para Portugal, ata que se incorporou a VMware en marzo de 2012.

Ao longo de máis de 25 anos de experiencia laboral, a premiada co Ada Byron traballa con paixón por contribuír ao desenvolvemento competitivo das empresas a través da tecnoloxía e coa consideración da importancia do factor humano para conseguilo, "froito da crenza de que a diversidade nos equipos reflicte mellor a realidade da vida e contribúe de forma significativa á  innovación", segundo sinala a propia galardoada.

Quen foi Ada Byron

Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos. O CPEIG elixiu o nome desta brillante muller para nomear un dos premios que entrega anualmente.