Pasar al contenido principal

PuntoGal e o Colexio de Enxeñeiros en Informática de Galicia asinan un convenio de colaboración

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2017.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Asociación PuntoGal ampliaron hoxe as súas accións de colaboración coa sinatura dun convenio que lles posibilitará obter aos enxeñeiros e enxeñeiras colexiados un importante desconto na adquisición de dominios. Ao mesmo tempo, desenvólvese o patrocinio que PuntoGal realizou o pasado xuño da Noite da Enxeñaría que organiza o CPEIG.

O convenio entre PuntoGal e mailo CPEIG permitiralles aos enxeñeiros e enxeñeiras colexiados un desconto importante no rexistro dos dominios .gal, cunha rebaixa de máis do 60% sobre o prezo de venta do dominio. Para iso, PuntoGal habilitoulle ao Colexio unha serie de códigos de desconto que poderán ser validados a través das dúas empresas rexistradoras que se uniron á promoción: Dinahosting e CdMon. O propio CPEIG será o encargado de xestionar e distribuír os códigos entre os colexiados e colexiadas.

Logo do puntoGal

A acción enmárcase na colaboración institucional que existe dende a creación do dominio entre ambas institucións. De feito, PuntoGal apoiou a celebración o pasado mes de xuño da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia celebrada en Santiago de Compostela, que este ano chegou á súa novena edición.

O presidente do CPEIG sinala que este convenio "reforza os lazos entre dúas entidades destacadas pola súa labor de fomento das TICs en Galicia, promovendo ao mesmo tempo o uso do dominio propio da sociedade galega". Pola súa parte, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou que a sinatura "pon sobre o papel unha traxectoria de entendemento e colaboración xa existente entre ambas entidades que agora se materializa nuns descontos importantes para que os colexiados e colexiadas poidan ter un .gal a un prezo moi competitivo". Janeiro agradeceu o apoio que, "dende o primeiro momento, o CPEIG fixo e segue facendo ó dominio .gal".

O CPEIG, creado no ano 2007, conta con máis de 300 colexiados/as e ten entre as súas funcións a representación do colectivo profesional da Enxeñaría en Informática. PuntoGal é unha asociación creada en 2006 por 115 entidades de tódolos sectores da sociedade galega e que se dedica a xestión do domino .gal, que actualmente conta con máis de 4.100 dominios rexistrados.