Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Consellería de Educación convocan o segundo concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocan o II Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO en centros escolares. O certame organízase con motivo do Día Europeo da Protección da Datos, que se conmemorou o 28 de xaneiro.

Ambas as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como "Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día, como podo protexer os meus datos?". Os textos de referencia serán Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).

Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estivo aberto ata o 28 de febreiro.

Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tablet para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización. 

O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxina web da Consellería de Educación e nesta páxina.

Na primeira edición participaron 40 escolares de toda Galicia, e os gañadores foron na categoría de 1º-2º da ESO Eva Riveiro Formoso co traballo "oinc", que cursaba naquel momento segundo da ESO no Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, e na categoría 3º-4º ESO resultou premiado Gustavo López Leyenda co traballo "PISOTE", cursando o pasado ano 4º da ESO no CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela.