Pasar al contenido principal

O CPEIG destaca as bondades de Internet e recalca a necesidade dun uso "responsable, respectuoso, crítico e creativo"

Charla internet segura

No Día da Internet Segura, que se celebrou o 5 de febreiro, impartiu dúas charlas nas Aulas CeMIT de Celanova e Leiro en Ourense

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) informa no Día de Internet Segura, que se celebrou o pasado 5 de febreiro, sobre a necesidade de aumentar a concienciación da sociedade e o investimento das empresas en ciberseguridade, que deben estar preparadas ante un posible ciberdelito, que segundo asegura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, "actualmente xera máis diñeiro que o tráfico de drogas".

O Día de Internet Segura, "Safer Internet Day" (SID, polas súas siglas en inglés), é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro para promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre nenos e mozos.

Para destacar o carácter positivo de Internet, o lema de 2019 é "Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura". O obxecto da efeméride é impulsar cambios positivos e concienciar sobre a seguridade en Internet, coa finalidade de alcanzar "unha Internet mellor" e convertela nun espazo no que todas as persoas e entidades –nenos e mozos, país e titores, profesores, traballadores sociais, empresas ou institucións e responsables políticos– fan uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa.

En concreo o presidente do CPEIG destaca que se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais. "Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital" –sinala–.

Ademais, o CPEIG –como aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020– colaborou nas actividades programadas pola Rede CeMIT no Día da Internet Segura. Voluntarios colexiados do CPEIG impartiron o pasado 5 de febreiro dúas charlas na provincia de Ourense. Iván Luis Vázquez ofreceu a charla na Aulas CeMIT de Celanova (Parque As Triguerizas, s/n), e Julio Mosquera a actividade na Aula CeMIT  de Leiro (rúa Padre Eiján, s/n). 

Recomendacións para unha Internet Segura

Aproveitando a celebración internacional desta efeméride, o CPEIG asegura que conectarse a Internet de forma máis segura é posible, aínda que se deben tomar unha serie de precaucións, tanto as persoas adultas como os máis pequenos:

Instala un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.

Actualiza puntualmente os teus equipos. De forma habitual xorden ameazas e non queda máis remedio que  instalar as actualizacións ou parches de seguridade en canto estean dispoñibles. É unha boa óptima de protexerse contra virus, ameazas e vulnerabilidades de última xeración.

Usa contrasinais e sistemas de protección seguros. Cada vez estamos rexistrados en máis páxinas e servizos. Lembra que as túas contrasinais teñen que ser distintas para cada un dos servizos. É importante tamén usar claves complexas, que conteñan minúsculas, maiúsculas, números e letras. Como método de axuda, pódese usar un xestor de contrasinais para manexar todas as claves con máis comodidade.

Engade controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a Internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. É importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son. Os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web inapropiados. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á rede.

Usa as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, direccións postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.