Pasar al contenido principal

O avogado especialista en TIC, Víctor Salgado, comparte mañá unha sesión de debate con colexiados do CPEIG no Monte de San Pedro

Víctor Salgado

 

Analizarán as normativas sobre protección de datos, a futura lexislación da intelixencia artificial e o tratamento de datos persoais das redes sociais por parte dos partidos políticos

O Colexio inicia o proxecto tres14.pm, un espazo de coñecemento, formación e networking entre colexiados e expertos relevantes para a profesión

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizará mañá xoves, 21 de febreiro, unha sesión do novo proxecto tres14.pm., unha iniciativa que nace coa idea de xerar un espazo de coñecemento, formación e networking entre colexiadas e colexiados e unha persoa relevante para a profesión. A actividade celebrarase no restaurante Árbore da Veira do Monte de San Pedro da Coruña (Estrada Os Fortes, s/n), entre as 14:00 e as 17:30 horas.

O persoeiro invitado será o avogado especializado en TIC Víctor Salgado Seguín. O experto centrará a súa exposición en tres liñas argumentais: o regulamento sobre protección de datos, a lexislación relacionada coa intelixencia artificial, e o tratamento dos datos das redes sociais por parte dos partidos políticos.

Nun primeiro momento, Víctor Salgado comentará aos asistentes as normativas actuais referentes á protección de datos. Falará do Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea de 2016 e da Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais de 2018, onde se establecen novas obrigas e responsabilidades para as empresas e profesionais que traten datos. Relacionará tamén estas normas cos novos modelos de negocio que xorden na rede e o que contempla o actualizado Réxime Sancionador de Protección de Datos.

No relativo á intelixencia artificial, Víctor Salgado compartirá cos asistentes o contexto legal actual. O experto explica que esta tecnoloxía está actualmente fóra da lexislación, aínda que existe un proxecto da Unión Europea para regular esta cuestión, establecendo límites e un código ético, tanto para compoñente de software como de hardware. Comentará tamén os modelos de intelixencia artificial máis coñecidos a día de hoxe, como son a explotación de datos que usa Google (Google Assistant) e Amazon (Alexa) ou outro asistente de voz como o Siri de Apple. 

Outra cuestión moi candente que tratará Víctor Salgado será o tratamento que realizan os partidos políticos dos datos persoais presentes nas redes sociais a través da tecnoloxía da Big Data, aspecto que contempla a actual lei española de protección de datos. E neste contexto da política, tamén se comentarán termos como a posverdade, un novo concepto que xorde pola manipulación e a difusión de noticias falsas para influír na sociedade e na súa vontade de voto.

Como exemplo, o experto lembra os escándalos relacionados coa compañía inglesa Cambridge Analytica que supostamente utilizou datos de contas de Facebook para a campaña de Trump e no proceso electoral do Brexit. "Sospeitamos que esta é a punta do iceberg polo que se precisa maior vixilancia na protección de datos e na privacidade dos usuarios de redes sociais. En España non se confirmou ningún caso. Aínda que todos os partidos políticos están presentes e activos nas redes sociais, ata a fecha non hai constancia de técnicas similares" –sinala Víctor Salgado–.