Busca facilitar ao tecido empresarial o coñecemento das tecnoloxías máis axeitadas e a súa implantación con garantías, onde o Colexio profesional actúa como auditor técnico
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, recollerá a distinción na gala da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" que se celebrará o 28 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o premio Iniciativa da Administración da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" ao programa de "Talleres e Axudas á Dixitalización", promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
O CPEIG valora positivamente e mostra o seu apoio a esta iniciativa da Administración Pública a través da certificación por expertos da adecuación das medidas desenvoltas para o progreso dos procesos produtivos da man da tecnoloxía. Así, o Igape concertou co CPEIG a realización de auditorías técnicas dos proxectos para comprobar que o que se está a desenvolver é consistente co aprobado no expediente da axuda. "Esta colaboración pon en valor o Corpo Oficial de Peritos do CPEIG e as competencias dos membros do colexio para a avaliación de proxectos tractores para a dixitalización de empresas de distintos sectores en Galicia" –indica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez–.
A Xunta de Galicia apoia a dixitalización da Industria 4.0 a través do desenvolvemento de talleres por parte de organismos intermedios para a xeración de proxectos colaborativos e unha liña de axudas á dixitalización, actuación pública que naceu ao abeiro da Axenda Industria 4.0, a folla de ruta da Administración autonómica para acadar un novo modelo industrial, e que conta con financiamento a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). "Reforzamos a aposta por un modelo de peme 4.0, dixital, innovadora e exportadora, mediante os investimentos e a especialización en aspectos como o big data, a interconexión entre empresas, a aprendizaxe automática ou a dixitalización de procesos de traballo" –sinalan desde o Igape–.
A iniciativa busca facilitar ao tecido empresarial o coñecemento das tecnoloxías máis axeitadas e a súa implantación con garantías, apoiando a posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que teñen máis potencial para aportar valor ás empresas: os proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os proxectos individuais de conectividade interempresarial, de conectividade intraempresarial e de intelixencia artificial. O Igape prevé apoiar con este programa a 500 compañías a través de axudas que ascenden aos 5 millóns de euros e que prevén movilizar máis de 13 millóns de euros na presente convocatoria.
Sobre os talleres de dixitalización, o Igape explica que se trata de espazos de colaboración desenvoltos por un mínimo de seis empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais. Estes talleres formativos abranguen distintos sectores produtivos e abordan aspectos como a transformación dixital da automoción galega, o mercado tecnolóxico das comunicacións dixitais, a aplicación da tecnoloxía 4.0 aos viñedos e ao aprovisionamento e expedición dos produtos pesqueiros, a construción e reparación do naval 4.0, e a visibilidade dos produtos tecnolóxicos innovadores para a dixitalización industrial.
Doutra banda, o Igape concede ás pemes, por segundo ano consecutivo, axudas á dixitalización, coas que se apoiarán o investimento en equipos e software e as colaboracións necesarias para a súa implantación. Para as medianas empresas financiarase o 20% do proxecto e para as pequenas o 30%. Apoiaranse tanto proxectos colectivos de agrupacións de empresas como a nivel individual, cuxo prazo para a presentación de solicitudes rematará o 21 de setembro.
Ademais deste programa, ao abeiro da Axenda Industria 4.0 desenvólvense outras iniciativas como os Proxectos Industria 4.0, que permiten avanzar na implantación da fábrica intelixente ou o ReAcciona, que apoia a transformación dixital das pemes galegas. Doutra banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activa todos os anos os Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), que apoian financeiramente ás pemes que desenvolven a súa actividade dentro do ámbito 4.0.