Recollerá este recoñecemento na gala da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" que se celebrará o 28 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o premio Iniciativa Empresarial da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" á compañía Hijos de Rivera polo seu proceso de transformación dixital. A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
A transformación dixital é un eixo estratéxico da compañía Hijos de Rivera, que xira arredor dun Plan Integral de Transformación Dixital que se comezou a executar nos últimos anos co fin de abrir novos camiños de innovación e incrementar a competitividade da empresa. A súa estratexia dixital, de carácter transversal, fundaméntase en diversos pilares, como son a Industria 4.0, Cliente conectado, Intelixencia Artificial (IA) e analítica avanzada, eCommerce, innovación tecnolóxica e talento emprendedor.
A compañía considera a dixitalización un proceso 360º, que debe impregnar toda a organización, aplicada desde a automatización e mellora dos procesos internos impulsando a optimización e competitividade, ata o máis importante que son as persoas, o Digital Mindset. Para iso, é moi importante conectar a empresa 4.0 con clientes, consumidores e provedores en base á tecnoloxía.
Unha das liñas fundamentais de traballo para a compañía é o Go To Market Digital, enfocada en desenvolver iniciativas que permitan incrementar a presenza dixital e profundar no coñecemento das súas distintas tipoloxías de clientes, para ofrecer servizos máis personalizados e mellorar a experiencia dos consumidores.
En relación á aposta polo talento emprendedor, lanzou recentemente un Programa de Emprendemento Colaborativo chamado TheHop para apoiar startups innovadoras. Diferentes emprendedores traballan cooperando entre si e formando parte do ecosistema de innovación e creación aberta de Estrella Galicia. E hai uns meses esta iniciativa fíxose extensiva a empregados a través do programa de Intraemprendemento, que dá a oportunidade ao empregado a ser el mesmo o emprendedor.