Recollerán a súa distinción na gala da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" o 28 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) otorgou o Premio Especial A NOITE ás empresas Altia e Everis, unha distinción de agradecemento do CPEIG a empresas pola súa constancia no apoio á gala e o seu compromiso continuado co progreso tecnolóxico de Galicia. A "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" celebrarase este venres, 28 de xuño, no hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. En representación da compañía Altia recollerá o galardón o seu presidente Constantino Fernández, e en nome de Everis recibirá o premio o socio responsable Jesús Lage Fernández. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Altia é unha compañía dixital con visión global, creada en 1994, que ofrece servizos de consultoría, desenvolvementos integrais e mantemento de solucións e servizos avanzados de tecnoloxía. Co obxecto de liderar a transformación desde a profesionalidade, innovación e independencia, Altia celebra este ano o seu 25 aniversario como unha das primeiras compañías independentes do sector, sen vinculación con grandes grupos TIC, industriais ou financeiros, e cun crecemento baseado na vocación de servizo e compromiso cos clientes. Actualmente, dispón dun capital humano composto por preto de 1.000 persoas. entre enxeñeiros e consultores, e colabora con máis de 500 clientes de todos os sectores económicos.
Cun volume de negocio de 69,3 millóns de euros en 2018, Altia cotiza, desde 2010, no Mercado Alternativo Bursátil (MaB) no segmento de empresas en expansión. Actualmente, forma parte do IBEX MAB® All Share e do IBEX MAB® 15, como unha das 15 compañías con maior volume de contratación. Desde a compañía, sinalan que os resultados económicos alcanzados confirman un ano máis que o proxecto é "sólido e sostible".
Por outra parte, Everis é unha empresa do grupo xaponés NTT DATA que ofrece solucións de negocio, estratexia, desenvolvemento e mantemento de aplicacións tecnolóxicas, e outsourcing. A compañía, que desenvolve a súa actividade nos sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, seguros, industria, utilities, enerxía, administración pública e sanidade, alcanzou unha facturación de 1.173 millóns de euros no último exercicio fiscal.
Na actualidade, conta con máis de 24.500 profesionais distribuídos nas súas oficinas e centros de alto rendemento en 18 países. En España, Everis ten máis de 12.500 profesionais repartidos por todo o territorio nacional. No caso de Galicia, a consultora conta con dúas oficinas (A Coruña e Santiago de Compostela) e preto de 300 empregados. Desde a oficina, a compañía traballa no desenvolvemento de proxectos de transformación dixital para os seus clientes a través da implantación de tecnoloxías emerxentes, como o big data, Blockchain, Intelixencia Artificial ou a Internet das Cousas.
Everis tamén traballa activamente no proceso de innovación. Por iso, o pasado ano creouse o Everis Living Lab, un espazo situado en Barcelona e deseñado para impulsar a innovación a través da co-creación con empregados, clientes, partners tecnolóxicos, emprendedores e institucións académicas. Este espazo é parte dunha estratexia de Everis para crear unha rede propia de centros de innovación, que se unirá aos hubs que NTT DATA ten a nivel mundial.