Pasar al contenido principal

O CPEIG e a cátedra R en Ciberseguridade impulsan o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital

Logo CyberSec@GAL

O evento CyberSec@GAL arrinca hoxe nas universidades de Vigo e A Coruña cunha axenda cargada de talleres, un ‘ciber-reto’ e relatorios sobre ameazas e solucións de seguridade na contorna dixital

As xornadas CyberSec@GAL, que contan coa colaboración da AMTEGA, Emetel, Gradiant, Hijos de Rivera, Abanca e o COETG, pretenden converter a Galicia en referente en seguridade na contorna das novas tecnoloxías

 

Coñecemento e experiencia unidos para que Galicia sexa referente no campo da Ciberseguridade. Ese é o obxectivo primeiro do evento CyberSec@GAL, que comeza a súa andaina hoxe con dous obradoiros nas escolas de Informática e Telecomunicacións das Universidades da Coruña e Vigo. impulsado polo Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia e a cátedra R en Ciberseguridade, o foro conta tamén coa colaboración da AMTEGA, Gradiant, Emetel, Hijos de Rivera Abanca e o COETG.

 

Desde esta tarde e ata o vindeiro xoves 17 desenvolveranse catro xornadas nas que haberá obradoiros, un ‘ciber-reto’ e relatorios para falar de solucións, normativas, desafíos e ameazas inherentes á seguridade na contorna dixital.

 

Internet das cousas e sistemas operativos

 

As tres primeiras xornadas, desde hoxe ata o mércores 16 de outubro, dirixiranse a estudantes e novos licenciados que van participar en obradoiros sobre introdución á auditoría dos dispositivos IoT/IIoT mediante Shodan e a analizar vulnerabilidades en contornas Windows e Linux. Así, no primeiro taller afondarase na Internet das Cousas, tanto na súa variante doméstica (IoT) coma industrial (IIoT)l, mentres que no segundo efectuarase un test de intrusión, dende os primeiros pasos de análise e enumeración, ata a explotación e toma de control de equipos dos sistemas operativos Linux e Windows para detallar esas potenciais vulnerabilidades.

 

O ‘ciber-reto’

 

Exporase, ademais, o reto de Ciberseguridade de Gradiant e Hijos de Rivera, desafíos que propoñen desenvolver habelencias para resolver problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, o networking ou o reversing. A AMTEGA e máis outras sedes das Universidades serán os espazos, conectados por videoconferencia, onde se poñan en marcha estes obradoiros e se expoña o ‘ciber-reto’. 

 

Xornada para empresas

 

A xornada final, o 17 de outubro, orientada ao ecosistema empresarial, desenvolverase no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura, da man de expertos nacionais e internacionais que comentarán, dende perspectivas diversas, aspectos tamén diferentes e actuais no terreo da Ciberseguridade.

 

Así, por exemplo, a intervención dun responsable da unidade de ciberseguridade e desinformación do Departamento de Seguridade Nacional da Presidencia do Goberno, sobre Estratexia Nacional de Seguridade; acerca de Ciberseguridade na transformación dixital versarán, nunha mesa de debate, os relatorios de voceiros de empresas e entidades como Balidea, Gradiant, Abanca, Forensic & Security ou Grupo Euskaltel. Tamén se falará da visión actual do mercado ante o tema da seguridade na empresa e de Ciberseguridade nas pemes para superar a falla de recursos e minorar riscos.

 

A idea é, en suma, ofrecer, coas achegas de especialistas en todas estas áreas, as claves básicas para manter segura a empresa na contorna dixital a día de hoxe.

 

Durante a xornada de peche entregaranse, así mesmo, os Premios ao Reto, Traballo Fin de Grao, Traballo Fin de Máster e Doutoramento, en recoñecemento aos mellores traballos académicos e de investigación na contorna da Ciberseguridade. 

 

Podese consultar aquí o programa completo das xornadas (xornadas cybersec) e seguir o evento completo en #CyberSecGal2019