A Consellería de Innovación e Industria presentou o pasado xoves 12 de xuño en Santiago o supercomputador Finis Terrae, o de maior memoria compartida de Europa, que entrou en funcionamento o pasado 1 de abril. A Xunta de Galicia investiu 61 millóns no supercomputador e na nova sede do centro en Santiago.
A actividade en probas do supercomputador comezou o pasado 17 de xaneiro, e este período estendeuse ata finais do mes de marzo, entrando xa en pleno funcionamento o día 1 de abril.
A compra do Finis Terrae supuxo un desembolso para a Xunta de 19,4 millóns de euros, pero o custo do proxecto completo, ascende a un total de 61 millóns de euros, posto que abrangue ademais a construción dun novo edificio para o Cesga na zona norte de Santiago -no novo polígono da Sionlla- e a contratación de 140 investigadores.
O supercomputador, segundo explicou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, ao comezo do período en proba, traballará en áreas de "interese estratéxico" para Galicia, como son, ademais da propia supercomputación, as ciencias da vida, a nanotecnoloxía, as ciencias do mar e as enerxías sostibles.
O Finis Terrae está coxestionado co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e é unha das grandes infraestruturas europeas nesta materia xunto co Mare Nostrum de Cataluña.
A máquina conta con 2.500 procesadores, con oito Gb de memoria para cada un, ocupa unha superficie de 140 metros cadrados e conta con 85 quilómetros de cableado, aproximadamente a distancia entre a sede do Cesga e a localidade coruñesa de Fisterra, cuxo nome en latín -Finis Terrae- toma a máquina, que ocupa desde o mes de novembro o posto número 100 da listaxe dos superordenadores máis potentes do mundo de www.top500.org, que se renova semestralmente.
O posto 100 na elitista listaxe é o máis alto acadado nunca polo centro santiagués, que anteriormente xa figurou en sete ocasións nesta clasificación. A primeira vez fora no ano 1993, no que acadou o posto 160. O vindeiro 17 de xuño darase a coñecer a nova clasificación mundial.