Pasar al contenido principal

Mancomún presenta en Europa o seu modelo de interoperabilidade

Logotipo de Mancomun

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Mancomún, participa en Bruxelas na presentación do Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica, Semic.eu. Este será o primeiro dunha serie de actos promovidos polo IDABC para compartir o modelo exemplar en materia de interoperabilidade entre administracións públicas que representa o centro galego.

Mancomún estará representado polo seu coordinador, Xesús Benítez Baleato, en calidade de membro do Grupo de Expertos da IDABC, grazas ao convite expreso das institucións europeas, que amosaron o seu interese pola actividade do centro no eido do Software Libre. Será o único representante do Estado Español no evento deste martes 17 en Bruxelas, onde se presentarán 25 proxectos de toda Europa.

O Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica, Semic.eu, púxose en marcha para facilitar o intercambio de datos nos servizos paneuropeos de administración electrónica. A web achegará funcionalidades relativas ao repositorio e control de calidade dos esquemas XML, a colaboración e cooperación e a comunicación e difusión de resultados.

En Galiza desenvolveuse na mesma liña o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010, dando pé á aposta do Goberno pola interoperabilidade de coñecemento aberto.

Mancomún tamén participará no lanzamento do Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR), o mércores 18 de xuño, e rematará o seu percorrido por Europa o día 25, coa intervención na xornada informativa sobre a nova versión do Marco de Interoperabilidade Europea, EIF Info Day 2008.