Pasar al contenido principal

O colexio asiste ao acto de presentación do primeiro informe do Observatorio da Lingua Galega

Logotipo do Observatorio da Lingua Galega

O colexio asistiu ao acto de presentación do primeiro informe do Observatorio da Lingua Galega, organismo co cal o CPEIG colaborou activamente participando nun panel de escoita sobre o galego no eido das TIC.

Durante o acto presentouse a situación do galego no ámbito das TIC mediante datos relativos á cidadanía, á empresa, á Administración e aos produtos de software.

Enfoque

O traballo do Observatorio realízase a partir de dous enfoques:

  • Cuantitativo: enquisas realizadas á cidadanía, a empresa, a Administración e as empresas de produtos de software.
  • Cualitativo: paneis de escoita, reunións ás que asistiron representantes das tecnoloxías da información e da comunicación para opinar sobre diversos temas relacionados cos usos lingüísticos nos produtos de software e nas TIC.

Para poder comprobar como evoluciona a situación da lingua galega estableceranse unha serie de indicadores que facilitarán a análise desta evolución dun xeito periódico, eficaz e sistemático.

Conclusións do informe

As principais conclusións que se desprenden da observación realizada no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación son as que se relacionan a continuación:

  • Entre a cidadanía existe un claro predominio do castelán no que respecta á utilización de programas informáticos, nos correos electrónicos, nos programas de mensaxería instantánea e nas páxinas web.
  • No ámbito empresarial, o uso da lingua galega nas TIC conta cunha presenza moi reducida, tanto nas interfaces dos programas informáticos, como nas páxinas web e nos correos electrónicos, e tamén se constata un uso escaso dos recursos lingüísticos existentes.
  • No caso do uso do galego nas TIC na Administración, existen dúas situacións opostas: o galego é minoritario na Administración Xeral do Estado, mentres que é a lingua predominante na Xunta de Galicia e nos concellos. De feito,as administración autonómica e local son as principais demandantes de aplicacións en galego.
  • A grandes trazos, o galego conta cunha presenza reducida nos produtos de software vendidos no último ano en Galicia, o que se pon tamén de manifesto na facturación das empresas, que procede en gran medida de produtos vendidos en castelán.
  • Constátase unha falta de demanda do mercado privado de produtos de software en galego, o que explica que existan poucas aplicacións e programas nesta lingua.