Forma parte do colectivo Google Women in Engineering que estimula a presenza feminina no sector TIC
Será unha das homenaxeadas na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o vindeiro 30 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Ada Byron da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” á enxeñeira en informática Sabela Ramos Garea no Día Internacional Ada Lovelace que se conmemora hoxe martes, 13 de outubro, para enxalzar os logros das mulleres en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) e alentar ás novas xeracións de rapazas a realizar estas carreiras profesionais. Ada Lovelace foi unha escritora e matemática británica (1815-1852), considerada a primeira programadora informática da historia ao describir a máquina analítica de Charles Babbage. Como autora do que se considera o primeiro algoritmo da historia, a tamén chamada Ada Byron deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 30 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, este ano cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Sabela Ramos (Padrón, 1986) é enxeñeira en Google Research onde traballa actualmente en ferramentas para Reinforcement Learning –aprendizaxe por reforzo–, unha rama do Machine Learning. Antes de traballar en Google, Sabela obtivo o seu doutoramento en Computación de Altas Prestacións na Universidade da Coruña (UDC) e realizou un posdoutoramento na Escola Politécnica Federal de Zürich (ETH Zürich) onde investigou para crear modelos matemáticos do rendemento de microprocesadores.
A enxeñeira, natural de Padrón aínda que residiu gran parte da súa vida en Cee, confesa que desde sempre lle gustou a informática, “un campo moi amplo no que sempre atopas problemas novos que aínda non teñen solución e no que tes que estar continuamente aprendendo”.
Cando comezou o seu doutoramento na UDC, Sabela Ramos tiña pensado dedicarse á investigación para seguir buscando problemas sen resolver. Pero mentres cursaba unha bolsa posdoutoral en Zürich deuse conta de que a súa investigación estaba moi afastada das aplicacións reais e, aínda que cre firmemente no valor da investigación, apostou por traballar en algo que tivese un impacto máis directo na vida real.
Aí foi onde deu o salto á industria. Actualmente, e despois de tres anos traballando en YouTube, volveuse a achegar á investigación nun equipo de infraestrutura de Google Research, onde as súas funcións lle permiten a outros investigadores avanzar en campos como o Reinforcement Learning, unha rama do Machine Learning que estuda como aprender a tomar secuencias de decisións en contornos complexos e que se utilizou con éxito en robótica e en xogos.
“Un entorno inclusivo no que se valora a diferencia fai que todos nos sintamos máis a gusto no noso traballo e sexamos máis produtivos”
Ademais, Sabela Ramos forma parte do colectivo Google Women in Engineering, onde se estimula a presenza feminina no sector TIC. A profesional considera que actualmente a informática segue sendo unha profesión na que o número de mulleres é moi baixo. Hai uns anos, varios artigos reflexionaban sobre esta cuestión, chegando a asegurar que só era por motivos de preferencias, pero a día de hoxe hai outros estudos de investigación que indican que non é así.
“Hai datos que nos din que aos nenos se lles anima a seguir unha profesión técnica e que ás nenas fáltalles referencias que lles fagan sentir que o sector TIC é un campo no que poden ter éxito” –indica–. Destaca tamén que moitas mulleres tenden a abandonar as carreiras técnicas en maior porcentaxe que os homes, mesmo enfrontándose a máis sesgos inconscientes. “Hai que crear unha cultura de inclusión no espazo de traballo que permita que se aborden estes problemas e que todos sexamos conscientes de que existen. Non só son problemas que afectan ás mulleres, tamén a outros grupos con menor representación nas profesións TIC. Un entorno inclusivo no que se valora a diferencia fai que todos nos sintamos máis a gusto no noso traballo e sexamos máis produtivos” –manifesta–.