Pasar al contenido principal

Ecoloxistas contra o Wi-Fi en escolas, edificios públicos e centros de traballo

A ONG Ecoloxistas en Acción vén de publicar no último número da súa revista, El Ecologista, unha reportaxe sobre a implantación de antenas Wi-Fi en España na que mostra a súa preocupación polos altos índices de "contaminación electromagnética que xeran estes dispositivos", que, "incluso respectando os límites actuais de seguridade, poden producir problemas moi graves de saúde".

A organización basea as súas declaracións no informe BioInitiative Report, presentado en setembro de 2007 por un grupo internacional de científicos investigadores e profesionais da saúde pública, e recomenda substituír a tecnoloxía sen fíos empregada en centros de ensino, edificios públicos, universidades e ambientes laborais por sistemas de cableado tradicionais tales como ADSL de cableado coaxial ou fibra óptica.

Segundo vén de explicar esta ONG, a proliferación do Wi-Fi "provocou un uso maior de tecnoloxías baseadas nas radiofrecuencias e microondas para a súa conexión sen fíos" o que resulta máis perigoso para a saúde dos internautas.

Día contra a contaminación electromagnética

Ecoloxistas en Acción vén, asemade, de unirse a organizacións veciñais e sociais de toda Europa (segundo informa Elmundo.es) para celebrar o Día contra a contaminación electromagnética e alertar do "alarmante" aumento da contaminación que producen os campos electromagnéticos de baixa frecuencia das liñas eléctricas, subestacións e transformadores así como as das antenas estacións base de telefonía móbil e outras infraestruturas como os sistemas Wi-Fi e WiMAX.