Desenvolve Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, aulas e campamentos tecnolóxicos para rapaces e proxectos para animar ás rapazas a estudar carreiras STEM
O Parque Tecnolóxico será un dos homenaxeados na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o vindeiro 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” ao Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole– pola súa aposta pola divulgación científica entre os máis novos, co fin de espertar vocacións e incentivar o seu espírito emprendedor.
Inaugurado en 1992 en San Cibrao das Viñas, en Ourense, Tecnópole desenvolve diversos proxectos e promove actividades como Galiciencia, STEAM Kids Tecnópole, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán T2 W.
Galiciencia é a maior feira científica que se celebra en Galicia desde 2006, co obxecto de achegar a ciencia á sociedade.
Organízase un certame científico para estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato, como punto de encontro para rapaces e rapazas de todas as idades con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que a Tecnópole pon á súa disposición durante tres días no mes de maio.
Tamén para achegar a ciencia e a tecnoloxía á mocidade, pero desde unha óptica artística e creativa, Tecnópole ten o programa STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 e 11 anos. E nesta liña, tamén dispón das Aulas Tecnópole, pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. Nestas actividades, os participantes realizan investigacións, constrúen robots programables, voan drons e deseñan instalacións artísticas.
E como actividade innovadora neste ano marcado pola covid-19, a Tecnópole convocou este verán o primeiro campamento tecnolóxico online de Galicia, en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia. O T2 W –Tecnópole Technological Workshops–, que ata esta oitava edición fora presencial, destínase a mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos.
Celebráronse dúas edicións con máis de 200 participantes nos talleres de programación, robótica, electrónica, mundo maker ou biotecnoloxía. Para desenvolver as actividades, os rapaces recibiron no seu domicilio un kit de materiais tecnolóxicos e científicos. Tamén aprenderon a programar placas electrónicas, iniciáronse na seguridade informática, deseñaron roupa con sensores, construíron o seu propio microscopio e analizaron a luz do Sol con espectroscopios.
Derivado deste campamento, Tecnópole e Atresmedia lanzan unha plataforma educativa online de ciencia e tecnoloxía, STEAMbites, para rapaces de 8 a 16 anos de toda España. Os participantes aprenderán a crear aplicacións para móbil, achegaranse á cociña molecular e á realidade aumentada e virtual.
Ciencia e tecnoloxía en feminino
Por outra parte, a Tecnópole forma parte do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, que promove a Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). No marco desta acción, publicou recentemente en galego a guía “Que quero ser de maior?” para animar ás rapazas a estudar carreiras vencelladas coa ciencia e a tecnoloxía. Asociado tamén a este proxecto para fomentar as carreiras STEM –de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas– entre as mulleres, a Tecnópole celebrou este mes de outubro un espectáculo de ciencia online para alumnos de Secundaria, que reuniu a máis de 10.000 rapaces de toda España que realizaron experimentos e xogos para amosar que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos.
A gala máis importante da informática en Galicia modificou a súa data de celebración debido ás últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia, pasando do 30 de outubro ao 27 de novembro, cando finalmente será o acto no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Este ano celebrarase un encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.