Manuel Arenaz, CEO e co-fundador: “O que ata hai pouco se consideraba material de ciencia ficción, como os coches autónomos ou os robots e drones intelixentes, está actualmente presente no noso día a día grazas aos enormes avances en computación”
Será homenaxeada na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o vindeiro 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa Emprendedora da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” á compañía tecnolóxica coruñesa Appentra, polo seu espectacular crecemento desde o seu nacemento en 2012 como spin-off da Universidade da Coruña (UDC).
Appentra, empresa global de Deep Tech (empresa baseada nun descubrimento científico ou innovación de enxeñaría significativa), xurdiu cunha predición visionaria, a computación paralela. O seu CEO e co-fundador, Manuel Arenaz, explica que se trata dun paradigma de programación clave para alcanzar rendemento, que anteriormente se usaba case en exclusiva no nicho dos supercomputadores pero que hoxe en día se expandiu a toda a industria do software.
Ver esta realidade con antelación, permitiulle a Appentra desenvolver importantes vantaxes competitivas e situar á empresa na primeira liña do espazo informático da computación paralela para programar o hardware moderno coa creación do suite de ferramentas Parallelware. O seu CEO concreta que Parallelware permite un desenvolvemento máis rápido de software paralelo, “garantindo as mellores prácticas de programación paralela e facilitando un mellor uso do hardware de computación en paralelo”, desde as CPUs multinúcleo dun ordenador portátil ata os supercomputadores máis rápidos do mundo. Ademais, Appentra construíu, en colaboración con expertos en programación multinúcleo e GPU, un catálogo aberto de boas prácticas de defectos e recomendacións para a programación paralela co fin de establecer as mellores prácticas nesta disciplina de desenvolvemento de software. “A tecnoloxía Parallelware de Appentra axuda a acelerar o tempo de execución do software, reducindo o esforzo de desenvolvemento e procurando a detección e xeración de código paralelo sen erros, para Intelixencia Artificial, Internet das Cousas, Big Data e Edge Computing” –destaca–.
Tamén Arenaz sinala que a tecnoloxía innovadora Parallelware, concibida e desenvolta en Europa aproveitando os resultados de máis de dez anos de investigación na UDC, permitiulle á compañía obter clientes de referencia en EE.UU., Arabia Saudita e Europa. Así mesmo, puido establecer colaboracións estratéxicas con centros académicos e gobernamentais de referencia como ORNL (EE.UU), JSC (Alemaña) e BSC (España), e desenvolver partneriados con empresas multinacionais de prestixio para vender estas ferramentas Parallelware a escala mundial.
En plena transición cara unha nova era informática, onde os computadores e supercomputadores se usan en todos os ámbitos da sociedade, Arenaz fai fincapé nesta evolución na que actualmente os teléfonos móbiles son xa máis potentes que os ordenadores de fai dez anos, e os ordenadores actuais contan con procesadores multinúcleo heteroxéneos. “O que ata hai pouco se consideraba material de ciencia ficción, como os coches autónomos ou supercomputadores sobre rodas e os robots e drones intelixentes, está actualmente presente no noso día a día grazas aos enormes avances en computación” –sinala–.
Appentra conseguiu neste tempo un total de dezasete recoñecementos nacionais e internacionais, como o premio na categoría “Ciencia Innovadora” no Innovation Radar Prize 2020 da Comisión Europea, finalista no Top 100 da competición Santander X Global Award (2020), finalista no South Summit Startup Competition 2019 na categoría “Cutting Edge Technologies”, e seleccionada “Emerging Technology” nos eventos Supercomputing SC18 e SC16, o máis importante a nivel mundial de High Performance Computing que se celebra anualmente en Estados Unidos.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o finalmente o vindeiro 27 de novembro (*cambio na data inicial do 30 de outubro polas novas restricións*) no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, este ano cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.