Pasar al contenido principal

O Concello de Santiago recibe o premio Iniciativa da Administración do CPEIG polo seu proxecto Smartiago para facer sostible e intelixente a mobilidade, a xestión de residuos e o alumeado

Smartiago

Este programa de innovación municipal busca a eficiencia, a máxima aplicabilidade e a adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio

Será homenaxeado na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o vindeiro 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa da Administración da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” ao Concello de Santiago pola súa iniciativa Smartiago, que sitúa a Compostela na vangarda da innovación municipal.

O proxecto Smartiago –https://smartiago.santiagodecompostela.gal– nace froito da colaboración entre o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (agora, Ministerio de Ciencia e Innovación) para contribuír á mellora dos servizos públicos para a cidadanía impulsando o desenvolvemento de proxectos singulares de innovación tecnolóxica. 

A consecución destes obxectivos realizarase a través do fomento da innovación empresarial, mediante a selección das actuación e proxectos relacionados coa resolución de retos de sustentabilidade e mellora da eficiencia en prestación de servizos públicos de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública a nivel local. Así, o proxecto Smartiago artéllase en tres retos para tentar acadar estes obxectivos:

•    Reto 1: Mobilidade intelixente e sostible
•    Reto 2: Xestión sostible e intelixente de RSU
•    Reto 3: Iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.

Outro dos fins de Smartiago é implicar nestes obxectivos a axentes do sistema de I+D+i local, rexional e nacional. Mostra de isto é a alta participación acadada ata o de agora nos diferentes fitos do proxecto. No marco do proxecto levouse a cabo un proceso de Consultas Preliminares ao Mercado no que participaron máis de 50 axentes de innovación (grandes empresas, pemes, universidades, centros tecnolóxicos, etc.), e no que se recibiron máis de 60 propostas e se realizaron máis de 30 entrevistas.

O proxecto Smartiago pretende lograr, despois do desenvolvemento das tecnoloxías que se leven a cabo, un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio, de maneira que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornas nas que o patrimonio histórico sexa un atributo distintivo. 

O proxecto permitirá situarse tecnoloxicamente nun campo novo a empresas con gran capacidade tecnolóxica, á Universidade e aos Centros de I+D+i do ecosistema local, todo acometendo novos retos en liña cos obxectivos Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Mobilidade, alumeado e xestión de residuos sólidos urbanos

O proxecto Smartiago conta con tres liñas de actuación, centradas na xestión sostible e intelixente de residuos sólidos urbanos, mobilidade intelixente e sostible, e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio. 

No apartado de mobilidade, a finalidade de Smartiago é xestionar a mobilidade e acceso de vehículos de residentes, visitantes e carga e transportistas no centro e casco histórico de Santiago de Compostela, cidade declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco. Perséguese a racionalización do modelo actual de carga e descarga, para a  redución de conxestión e emisións; e a evolución do control de acceso e estacionamento, para evitar danos en pavimentos históricos e bloqueo de vías de servizo público. “A elevada actividade hostaleira e comercial implica unha desordenada actividade de vehículos de transporte de ‘última milla’, cun control baseado en elementos físicos non integrados co patrimonio e control humano, con impacto no estacionamento e bloqueo de vehículos de emerxencia e recollida de residuos” –indican desde o Concello–.

Para este reto saíu a licitación a contratación de Compra Pública de Innovación (CPI) para desenvolver unha solución tecnolóxica de Mobilidade Smart, cofinanciado nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Con esta licitación, o Concello pretende obter un sistema de control e predición de aspectos críticos da mobilidade no centro e casco histórico de Santiago de Compostela, co fin de controlar o peso de todos os vehículos de reparto, controlar de xeito automático os accesos á Zona Vella, predicir as afluencias de persoas e tráfico ao centro histórico e tamén predicir a contaminación ambiental e acústica.

Os obxectivos en canto aos residuos sólidos urbanos son acadar un novo modelo de depósito e tratamento descentralizado dos residuos, que posibilite alcanzar os requisitos marcados pola UE; unha nova forma de relación coa cidadanía que premie o comportamento axeitado en canto a depósito de residuos sólidos urbanos (RSU) e limpeza viaria, aumentando a co-responsabilidade e a transparencia. Segundo o Concello, o servizo de xestión de residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria implican un custo anual de 11,55 millóns de euros/ano, o que supón aproximadamente o 28% do capítulo 2 do orzamento municipal.

Para dar solución a este reto, desde o Concello licitouse unha contratación CPI para desenvolver un sistema intelixente de recollida de RSU, cofinanciado nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O obxecto deste contrato é o deseño, desenvolvemento e construción de colectores intelixentes de superficie para a caracterización de residuos sólidos orgánicos, baseados no uso de tecnoloxías abertas de IoT, a aplicación de algoritmos de aprendizaxe automática e o uso de datos abertos como fontes para o enriquecemento de modelos de predición con información contextual.

En canto á iluminación, o propósito do proxecto é poñer en valor o patrimonio a través de iluminación ornamental biostática, que axudará a reducir os custos do seu mantemento e conservación. Segundo os últimos datos, o alumeado público supón un gasto de 3,5 millóns de euros/ano en electricidade e mantemento de luminarias, un 9% do capítulo 2 do orzamento anual do Concello.

Neste caso, a licitación CPI para desenvolver un sistema de iluminación ornamental para a conservación do patrimonio, cofinanciado nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Esta contratación é substancialmente diferente ás anteriores, xa que se trata da adquisición de servizos de I+D para o deseño, desenvolvemento e posta en marcha dunha solución piloto que permita, a través de tecnoloxía LED, inhibir o crecemento de microorganismos no patrimonio monumental de Santiago de Compostela.

Ademais, no marco do proxecto Smartiago prevese a contratación de dous novos proxectos de I+D+i que serán anunciados en próximas datas.

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o finalmente o vindeiro 27 de novembro (*cambio na data inicial do 30 de outubro polas novas restricións*) no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, este ano cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.