A App, que conta con máis de 17.000 negocios inscritos de todo o país, foi desenvolta pola empresa galega Amodo Soluciones
Será homenaxeada na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o vindeiro 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa Empresarial da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” á aplicación móbil “Localsafe”, a primeira App española que permite aos cidadáns buscar establecementos seguros fronte á covid-19.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, este ano cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
“Localsafe” foi desenvolta pola empresa galega Amodo Soluciones, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- e especializada no desenvolvemento de software. O seu CEO, Diego González, explica que a App axuda ao usuario a localizar de forma “áxil e cómoda” os diferentes establecementos adheridos que se sitúan no seu entorno e identificar a valoración que posúen en aspectos de seguridade sanitaria, como as medidas sanitarias contra a covid-19.
A aplicación está dispoñible en App Store e Play Store. As empresas interesadas poden inscribirse na web www.localsafe.es, onde ata o momento xa hai máis de 17.000 negocios dos sectores do turismo, restauración, comercio, espectáculos, deporte ou saúde repartidos por todo o territorio nacional. “A boa acollida débese á necesidade dos establecementos de dar a coñecer os seus esforzos neste ámbito e poder así ofrecer máis seguridade aos seus clientes para volver á actividade normal” -sinala o xerente de Amodo Soluciones, Diego González-.
Ademais, varias institucións confiaron nesta iniciativa para acoller diferentes “marcas” de seguridade sanitaria. Nesta liña, Amodo Soluciones chegou a un acordo con diversas compañías de referencia na seguridade e calidade dos establecementos. Tamén a empresa iniciou unha campaña baixo o lema Protexe para protexer. “Moitos cidadáns senten a necesidade de saír a realizar a súa vida habitual, e gozar da mesma, sabendo que volverán a casa con total tranquilidade”- indica o xerente da empresa-.
Son moitos os esforzos que realizaron diferentes estamentos da sociedade para mitigar os efectos da pandemia: desde a propia Administración Pública mediante esixencias legais, pasando por organismos de certificación, ata as propias empresas que están a mellorar a marchas forzadas todos os seus establecementos para recibir aos clientes coas mellores medidas de seguridade. “A COVID-19 xerou unha brecha de confianza entre establecementos e usuarios que a aplicación pretende reducir. Un dos motivos do seu éxito é a confluencia na mesma dos esforzos de gran parte da sociedade” -asegura Diego González-.
Localizador de locais con diferentes niveis de seguridade
Mediante a App, os usuarios poden filtrar os establecementos segundo a actividade realizada e observar as medidas de seguridade habilitadas en cada un deles mediante un cómodo sistema de clasificación. A aplicación conta cun buscador de diferentes tipos de establecementos, un localizador daqueles que dispoñan do selo “Localsafe” no contorno do usuario, unha descrición de cada un dos locais, unha valoración realizada polos propios usuarios de cada un deles, xunto a unha clasificación por niveis de seguridade.
Segundo as diferentes medidas en elementos de seguridade, os establecementos poden contar na aplicación con distintivos “Silver”, “Gold” e “Platinum”. “Todos os locais distinguidos terán implantadas as medidas mínimas de seguridade que permitan unha experiencia segura, pero evidentemente algúns deles contan con medidas especiais que os usuarios deben coñecer, como é o caso dunha certificación por un organismo externo á empresa que teña verificado a implantación de protocolos específicos” -explica o xerente da firma-.
Vídeos de presentación de Localsafe:
. https://www.youtube.com/watch?v=_MagUIWdXFI&feature=youtu.be
. https://www.youtube.com/watch?v=CQ0zT1ndFRc&feature=youtu.be