Recollerá a distinción na gala da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará este venres, 27 de novembro, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocou o “XI Premio Proxecto Fin de Carreira/ Mestrado en Enxeñaría en Informática”. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador, quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes en Enxeñaría en Informática ou Mestrado en Enxeñaría Informática.
O premio recaeu en Aida Vidal Balea (Cambados, 1995), investigadora de novas tecnoloxías de realidade aumentada, polo seu proxecto “Aplicación gamificada mediante realidade aumentada para incentivar a actividade física de pacientes pediátricos de longa estancia” como Traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña (UDC).
Neste proxecto, Aida Vidal desenvolve unha aplicación móbil que serve para motivar a pacientes pediátricos e potenciar a súa actividade física, ao mesmo tempo que se pretende reducir o nivel de ansiedade provocado tralo ingreso hospitalario. Para realizar esta aplicación, Aida Vidal explica que se empregaron tecnoloxías de realidade aumentada para fomentar o movemento dos usuarios dunha maneira amena e dinámica. Contén xogos para usuarios de 6 a 14 anos que teñen como finalidade motivar a realización de actividade física moderada dos pacientes.
Tendo en conta a situación actual provocada pola pandemia da covid-19, Aida Vidal destaca que a aplicación podería proporcionar unha rutina personalizada a cada paciente segundo o que indique o persoal médico, xa que todas as actividades que se inclúen foron deseñadas para realizarse en interiores e espazos reducidos, polo que se adaptarían con facilidade ás situacións de confinamento vividas nestes meses.
A enxeñeira en informática sinala que a aplicación complementouse tamén cun sistema que permite a recolección e visualización dos datos de uso dos pacientes, proporcionando unha forma dinámica e indirecta de recoller datos sobre a súa mobilidade e estado de ánimo.
Actualmente, Aida Vidal realiza os estudos de doutoramento no Programa de Doutoramento de Tecnoloxías da Información e Comunicacións en Redes Móbiles da UDC.
Ademais, foron finalistas do premio Efraím Lema Vidal co proxecto "Sistema multiplataforma de xestión de peticións e colas de reprodución para locais de ocio", e Jorge López Seijas co proxecto "Sistema de control de acceso e ubicación de operarios en función da equipación requirida dentro da industria". Os tres enxeñeiros en informática beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta. O ente colexial busca con esta distinción achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación.
Este premio enmárcase na gala da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, a máis importante do sector da informática en Galicia, que se celebrará este venres, 27 de novembro, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.