Rematouse. O XP xa non está nas tendas. Microsoft retirou hoxe oficialmente o sistema operativo, obrigando aos compradores de novos ordenadores a conformarse co Windows Vista, que foi tan criticado e que xa ten no horizonte próximo ao seu sucesor, o Windows 7.
A retirada deste produto afecta ás copias de XP vendidas a grandes fabricantes e tendas de ordenadores. Os consumidores poderán seguir adquirindo o sistema operativo en tendas que aínda o teñen ou de pequenos fabricantes de PC, os cales estarán autorizados a usalo ata finais de xaneiro do 2009. Así mesmo,Microsoft permitirá aos fabricantes de ordenadores portátiles ultraliviáns, de baixo custo, instalar o XP ata xaneiro de 2010.
A plataforma "Salvemos o XP" xa pechou a súa conta atrás. Na súa páxina web segue recollendo sinaturas contra a medida levada a cabo por Microsoft e destaca que 210.161 persoas asinaron ata o pasado 27 de xuño para esixir ao xigante informático que mantivese o XP activo. O ano pasado Microsoft xa se viu obrigada a atrasar o inicio da desaparición de Windows XP ante o rexeitamento de moitos consumidores, tanto individuais como corporativos, a substituír o sistema operativo.
Windows Vista vendeu máis de 140 millóns de copias desde o seu lanzamento en xaneiro do 2007, pero a maioría das copias foron preinstaladas en ordenadores novos.