Pasar al contenido principal

O CPEIG alenta ás empresas do sector TIC en Galicia a adherirse ao “Selo de Empresa éTICa” para xerar confianza na sociedade

Selo de Empresa éTICa

No Día Mundial de Internet, que se celebra o 17 de maio, o Colexio profesional sinala a relevancia da ética profesional ante o auxe da intelixencia artificial ou a preocupación pola protección de datos

A iniciativa, creada polo Consejo de Colegios de Ingeniería en Informática, certifica o desenvolvemento de servizos tecnolóxicos de calidade

O auxe da intelixencia artificial, a aprendizaxe automática ou o procesamento de datos masivos, xunto coa preocupación pola privacidade dos datos reflectida no Regulamento Xeral de Protección de Datos, estendeu o concepto de ética e deontoloxía profesional na informática máis alá da propia profesión chegando mesmo á sociedade.

Con motivo do Día Mundial de Internet, que se conmemora o 17 de maio, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) quere poñer de manifesto a importancia de que as empresas do sector TIC tomen conciencia dos beneficios que lle pode aportar a aplicación dun código ético e deontolóxico no seu exercicio profesional. Neste sentido o Consejo de Colegios de Ingeniería en Informática (CCII) aprobou xa en 2019 a versión máis recente do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría en Informática, adaptado ás Directrices da Comisión Europea para as Declaracións de Ética Profesional para os profesionais da Informática en Europa, que se enmarcan na Axenda Dixital Europea.

Ademais dos beneficios na relación da profesión coa sociedade, o CPEIG sinala que as enxeñeiras e enxeñeiros en informática poden ter apoio do código ético na toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión. Esta relevancia da ética profesional na enxeñaría en informática tamén se observa na extensión da aplicación do concepto de ética profesional non só ao profesional individualmente, senón á organización na que desempeña a súa actividade. 

“Ante o crecemento imparable do sector da informática e o relevante papel que xogan actualmente as empresas tecnolóxicas no desenvolvemento e crecemento do país, así como o seu gran impacto na sociedade, a ética no mundo empresarial cobra máis importancia de cara a creación de produtos e servizos” –indica o presidente do CPEIG, Fernando Súarez, tamén presidente do CCII–. 

Para responder aos retos que presenta a aplicación da ética e deontoloxía profesional no nivel empresarial, o CCII lanzou a iniciativa pioneira do “Selo de Empresa éTICa” e un rexistro das mesmas para poñer en valor a estas empresas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas. O CPEIG acóllese a esta iniciativa para promover que as empresas, autónomos e institucións galegas se adhiran e certificar que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade. 

“As empresas que adopten este selo comprométense a cumprir as directrices do código ético do CCII e recibirán o apoio da súa Comisión de Ética e Deontoloxía para os seus desenvolvementos tecnolóxicos como ‘Empresa éTICa’. Esta certificación permitirá poñer en valor a estas empresas do sector que poñen especial interese en que a súa actividade se desenvolva respectando escrupulosamente as consideracións éticas” –argumenta Suárez–.