Pasar al contenido principal

Alumnas do CPI Plurilingüe José García de Ourense e do CPI de Cova Terreña de Baiona, Úrsula Pérez e Inés Rey, gañan o V Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2021

V concurso literario

O certame foi convocado polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia e a Xunta de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade,  fallan o V Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2021, no que participaron un total de 21 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO de toda Galicia.

Os gañadores desta edición foron: Úrsula Pérez Ucha, de 5º de Primaria do CPI Plurilingüe José García, en Ourense, polo seu traballo “A historia das filloas máis raras do mundo”, onde conta a historia da avoa María e as súas filloas, as mellores de Galicia, que comeza a promocionar en Instagram grazas aos consellos sobre protección de datos da súa neta Uxía, pero sofre un hackeo para roubarlle a súa receita secreta; e Inés Rey Torres, de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, que resultou gañadora grazas ao traballo “Trincheiras enredadas” no que relata dúas historias para exemplificar como a falta de anonimato e protección de datos podería ter afectado ás persoas durante os anos da Primeira Guerra Mundial e a Revolución Rusa. “A privacidade das persoas na rede mantenas seguras. Non debemos permitir que o desexo de información, likes e followers, desemboque na falta de empatía e respecto pola integridade, a intimidade, a dor e o sufrimento das persoas. A favor da privacidade na rede, guerra sen cuartel” 
–indica Inés Rey no seu escrito gañador–.

As dúas gañadoras recibirán unha  tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Tamén o CPI de Cova Terreña  de Baiona recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou, un total de oito propostas. 

Este concurso ten por obxecto que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.