Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Amtega potencian o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade, ofrecen formación especializada para profesionais e organizan espazos de debate sobre as TIC

Convenio con Amtega

O programa Tech Kids engloba actividades para nenos e adolescentes de 3 a 18 anos, con encontros con profesionais, campamentos tecnolóxicos e contacontos sobre un uso seguro de Internet

Traballadores dos sectores tecnolóxico e da administración poderán participar en cursos presenciais e de teleformación sobre administración electrónica, BlockChain e ciberseguridade

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, renovaron recentemente a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura dun acordo, enmarcado dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, con catro liñas de actuación, a desenvolver ao longo deste ano, centradas na posta en marcha actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.

Celebraranse actividades e accións de difusión da Sociedade Dixital en Galicia, a cuarta edición do Programa Tech Kids, xornadas formativas para traballadores dos sectores TIC e de administración e servizos, e os espazos de networking co programa tres14.pm.

Co obxecto de difundir entre a sociedade galega os avances tecnolóxicos que permiten unha mellora da competitividade das empresas, programaranse actividades e accións de difusión da Sociedade Dixital en Galicia, con accións concretas de difusión para alcanzar unha mellora da comunicación para a comunidade de colexiados enxeñeiros en informática, profesionais, organismos e empresas do sector TIC galega, en temas de investigación, tendencias de mercado ou innovación.

Desafíos temáticos para os máis pequenos en investigación, resolución de problemas e enxeñaría

Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG e a Amtega organizarán en 2021 diversas actividades enmarcadas en Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. 

Organizaranse encontros con profesionais TIC coa rapazada neste mes de xuño, onde o profesional manterá esta xuntanza online cun grupo de doce rapaces que poderán interactuar co profesional aínda que a retrasmisión será en aberto. 

En concreto, trátanse de reunións de profesionais con nenas e nenos de 6 a 18 anos sobre a elaboración de temas tan diversos e de actualidade como a ciberseguridade, a creación de personaxes 3D, creación de videoxogos, robótica, intelixencia artificial, a informática na saúde, impresión 3D ou industria 4.0.

Outra das iniciativas do programa Tech Kids será a posta en marcha dun ambicioso programa, denominado MÁTICA, de fomento das vocacións nas TICs. Este programa multidimensional comezará a súa andaina co campamento tecnolóxico Mática, deseñado coa finalidade de crear unha comunidade de mozas interesadas nas tecnoloxías TIC de 12 a 18 anos de distintas localidades galegas e que se desenvolverá tanto presencial, nos tres centros universitarios de Informática de Galicia (Campus de Coruña, Campus de Ourense e Campus Vida Santiago), e contando tamén cun grupo online para aquelas rapazas que neses días non se poidan conectar pero que desexen formar parte da comunidade MATICA. Esta comunidade contará con máis actividades durante o ano con xornadas online onde os participantes recibirán ferramentas e contidos que lles permitan ver a tecnoloxía e as súas aplicacións á sociedade, ter coñecemento do traballo de mulleres no sector TIC e as súas experiencias vitais, e recibir información e coñecemento para decidir a súa futura carreira profesional. 

Tamén englobado en Tech Kids celebrarase a actividade Ciberseguranza-Kids, unhas xornadas de divulgacion sobre ciberseguridade, que consistirán en charlas online na modalidade de contacontos nas que poderán participar nenas e nenos de 3 a 12 anos. 

Xornadas formativas para axentes da Rede CeMiT

O CPEIG e a Amtega programarán xornadas formativas para favorecer o desenvolvemento das potencialidades dos traballadores dos sectores TIC e de administración e servizos, permitindo que alcancen maiores niveis de cualificación, que adapten os seus coñecementos á contorna e favorecer a súa promoción profesional. Desenvolverase tamén formación específica dirixida aos axentes da Rede CeMiT para incrementar as súas habilidades e competencias dixitais que reverterá nun aumento dos coñecementos tecnolóxicos dos usuarios das aulas CeMiT. 

Estas xornadas formativas, que serán en modalidade mixta presencial e teleformación, abordarán a cuestión da administración electrónica, cun máximo de seis cursos de temáticas diferentes, con 50 alumnos por edición; as tecnoloxías BlockChain, cunha xornada inaugural e sesións de formación online para un máximo de 60 participantes, organizada en colaboración coa Alastria (asociación que fomenta a economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías de rexistro descentralizadas/Blockchain) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense da Universidade de Vigo (ESEI); e formación en ciberseguridade dirixida aos axentes da Rede CeMiT.

Finalmente, o acordo establece a celebración do programa de networking e debate creado polo CPEIG denominado tres14.pm., que conta con espazos de networking, de debate, opinión e coñecemento, invitando a expertos en distintas materias para que realicen unha exposición seguindo un programa específico onde os relatores reflectirán en catorce minutos tres principios sobre dita temática de cara a establecer un coloquio posterior cos participantes. Faranse varias xornadas cun modelo mixto que comezarán ás 3 horas 14 minutos do mediodía.