Pasar al contenido principal

O CPEIG e o Consello Económico e Social de Galicia establecen unha colaboración para que Galicia sexa máis dixital e “mellorar a calidade de vida de todas e todos”

Convenio CES

Organizarán cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación, editarán libros, publicacións e documentos de traballo e promoverán a actividade investigadora 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e o Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) asinaron hoxe un convenio de colaboración para o establecemento dun marco de colaboración entre ambas entidades. O acordo, que se selou na sede do Consello Económico e Social de Galicia en Santiago, foi rubricado polos presidentes de ambas institucións, Fernando Suárez do CPEIG e Agustín Hernández do CES- Galicia.

O acordo, con vixencia dun ano, ten por obxecto que ambas entidades actúen de forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizativas de cada unha delas, para un mellor cumprimento dos fins de ambas dúas partes, en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

A colaboración permitirá a realización conxunta de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación, a edición conxunta de libros, outras publicacións e documentos de traballo e promoverá a actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación conxuntos.

Fernando Suárez valora de forma moi positiva este acordo para ambas entidades. Considera que para o CPEIG é moi importante colaborar cunha entidade como o CES e  tamén destaca que esta unión é unha mostra da evolución da sociedade, tanto a nivel social como económico, xa que o impacto que está tendo a dixitalización en todo os sectores posibilita que o CPEIG sexa un actor destacado para colaborar á hora de chegar a todo o ecosistema galego –empresarial, administrativo ou cultural–.

Tamén o presidente sinala que este convenio abre as portas para dar a coñecer o impacto da tecnoloxía en Galicia e permite sentar as bases para que a comunidade poida ser “máis dixital e un pouco máis integradora e transparente” e para que “da man da tecnoloxía se poida mellorar a calidade de vida de todas e todos os galegos”.