“En España existe unha alta preocupación por protexer ás grandes empresas, as que teñen os recursos para facelo pero son unha porcentaxe pequena do PIB, mentres que a maioría das pemes, as principais xeradoras de riqueza, enfróntanse aos riscos dos ciberataques xeralmente desprotexidas”.
Será homenaxeado na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Traxectoria Profesional da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” ao enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco, responsable da oficina de Riscos Dixitais en Hijos de Rivera S.A.U., con máis de vinte e cinco anos de experiencia no eido da transformación dixital aplicada ao sector público e empresarial.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Carlos Eloy López Blanco naceu na Coruña en 1970. Pertence ás primeiras promocións de enxeñeiros en informática titulados pola Facultade de Informática da Universidade da Coruña, obtendo a súa licenciatura no ano 1993, e posúe o Diploma de Estudos Avanzados na área de coñecemento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da mesma universidade.
A súa ampla formación está avaliada por numerosas certificacións entre as que destacan o Project Management Master Associate by George Washington University, a certificación ISO 22301 de Continuidad de Negocio, a Certified Cibersecurity Professional by ISMS Forum Spain, e o Master en Ciberseguridad pola escola de negocios IMF. Actualmente é membro da primeira promoción da Trust-Formation Officer Certification de ISMS Forum Spain, organización dedicada a promover a cultura da seguridade da información, e dispón de formación certificada en negocios dixitais pola escola ThePowerMBA.
Dende a súa incorporación a Hijos de Rivera ocupou diversas posicións, destacando o seu labor como responsable de infraestruturas tecnolóxicas. Dende fai dous anos é Cross Mentor do programa de aceleramento de startups TheHop, unha iniciativa que Hijos de Rivera pon á disposición do sector hostaleiro para favorecer a súa competitividade a través da dixitalización.
A principios dos 2000 foi pioneiro en Galicia na implantación gradual do novo paradigma dos centros de datos (datacenter), ao impulsar dende as instalacións centrais de Hijos de Rivera na Coruña o traslado e o uso compartido deste tipo de infraestruturas con outras organizacións, empregando tecnoloxías como a virtualización, o housing e o hosting, favorecendo o aforro enerxético e a sostibilidade.
López Blanco participa asiduamente en foros sobre seguridade, ademais de colaborar en medios especializados. É membro fundador da directiva do capítulo galego do ISMS Forum Spain, dende a que lidera o proxecto CybersecurityInABox, que proximamente será presentado en Galicia, co apoio doutros actores de referencia na comunidade. A iniciativa pretende achegar de modo sinxelo a xestión dos riscos asociados ás tecnoloxías da información ao tecido empresarial das pemes e así potenciar a súa resiliencia ante o panorama emerxente das ciberameazas.
Salienta o paradoxo que se da en España onde “existe unha alta preocupación por protexer ás grandes empresas, as que teñen os recursos para facelo, que en realidade só supoñen unha porcentaxe pequena do PIB, mentres que a maioría das pemes, o 99% do tecido empresarial, as principais xeradoras de riqueza no noso país, enfróntanse aos riscos dos ciberataques xeralmente desprotexidas ou con descoñecemento dos mesmos”.
Se ben explica que a protección absoluta é case imposible polo propio dinamismo das novas tecnoloxías, “a ciberseguridade debe enfocarse á lograr a resiliencia das organizacións, é dicir, asegurar a súa capacidade de supervivencia e o restablecemento da actividade coa maior celeridade posible tras un ataque ou posible fallo nos sistemas”.
Dentro do amplo panorama das ameazas dixitais, sinala que “as máis perigosas son as que afectan ás persoas, como os intentos de enganos, phishing ou roubo de informacións confidenciais, fraudes e suplantacións de identidade” e alerta da necesidade de “actuar con especial cautela cando se fan compras por internet, facilitando só os datos que sexan estritamente necesarios para a operación que se vai realizar”. Alerta que “tampouco hai que esquecer a nivel empresarial o perigo do ransomware, é dicir, o uso de software malicioso para o secuestro de información e o posterior pago dun rescate”.
Na súa opinión, nos últimos anos Galicia comeza a erixirse como “un foco de referencia na industria da ciberseguridade grazas ás iniciativas público privadas existentes, ao crecemento do tecido empresarial especializado, e á oferta formativa das universidades. En relación ao premio que recibirá a finais de outubro na Noite do CPEIG, desexou que este tipo de recoñecementos “axuden a prestixiar e visibilizar o enorme valor da enxeñaría en informática, tendo en conta o imparable proceso de dixitalización de todos os ámbitos das nosas vidas e a contribución desta disciplina ao desenvolvemento socioeconómico, especialmente mediante a innovación disruptiva das start-ups, cen por cen tecnolóxicas. Pasamos de practicamente só programar fai unhas décadas a ser axentes esencias no mercado, responsabilizándonos do deseño e xestión de infraestruturas e proxectos complexos, moitos deles absolutamente críticos para a pervivencia das organizacións”.