Pasar al contenido principal

A enxeñeira e doutora en informática Ana Freire recibe o Premio Ada Byron do CPEIG pola súa achega na aplicación da intelixencia artificial ao ben social e o seu impulso ao enfoque feminino da tecnoloxía

Ana Freire

Lidera o proxecto STOP que estuda nas redes sociais problemas mentais como as tendencias suicidas ou os trastornos da conduta alimentaria

Directora da Área de Tecnoloxía da UPF Barcelona School of Management, será homenaxeada na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Ada Byron da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” á enxeñeira en informática Ana Freire, experta en intelixencia artificial e recuperación de información, firme impulsora do uso da tecnoloxía para o ben social, así como da aportación das mulleres neste ámbito  para lograr unha tecnoloxía plenamente útil e ao servizo das persoas.

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O Premio Ada Byron homenaxea ás mulleres enxeñeiras e ás súas aportacións, e rende memoria á que da nome ao premio, a escritora e matemática Ada Byron, autora do primeiro algoritmo e considerada a primeira programadora informática da historia.

Ana Freire (Rábade, 1983) estudou enxeñaría informática na Universidade da Coruña, onde obtivo o doutoramento cum laude. Realizou estancias de investigación en centros de prestixio internacional como Yahoo  Labs, a Universidade de  Glasgow ou o Centro Nacional de Investigación de Italia. Na actualidade dirixe a área de Tecnoloxía da ‘UPF Barcelona School  of  Management’ da  Universitat  Pompeu  Fabra. 

É experta en intelixencia artificial e recuperación de información e as súas investigacións incidiron en campos como a sustentabilidade e a saúde. “É apaixonante ver como a tecnoloxía, ben aplicada, pode axudar ao benestar das persoas. Necesítase moita divulgación científica sobre a tecnoloxía deseñada para o ben social, pois xeralmente móstrase a súa cara menos amigable, cando con todo, ben utilizada, pode achegar grandes beneficios ao ser humano”, asegura.  
 
Dende 2017 lidera o proxecto STOP (Suicide  prevenTion  in social  Platforms), que utiliza a intelixencia artificial para estudar nas redes sociais problemas mentais como as tendencias suicidas ou os trastornos da conduta alimentaria. Analízase o texto das publicacións, as imaxes, as conexións sociais e a actividade nas redes, para detectar os mesmos sinais que se buscan nas consultas presenciais de psicoloxía, como a procura de apoio social, o insomnio ou o acoso escolar. Realízase anonimamente, extraendo patróns de comportamento comúns a alteracións como as tendencias suicidas, a depresión ou os trastornos da conduta alimentaria. Con esta información se lanzan campañas dirixidas a usuarios anónimos destes perfís, enviando teléfonos de axuda, como é o caso do servizo que ofrece o Teléfono da Esperanza, xestionado pola asociación do mesmo nome.  
 
A doutora Freire creou o proxecto STOP no ano 2017, “sen apenas financiamento nin persoal investigador. Impulsar un proxecto así non foi fácil, en parte polas implicacións éticas que supón, e tamén porque ao ser muller e moza, resultaba complicado atopar institucións colaboradoras. Pero con moita motivación e moito esforzo, STOP intégrano xa sete institucións a nivel internacional, que cumpriron un gran obxectivo: incrementar nun 60 por cento as chamadas provenientes de redes sociais ao Teléfono da Esperanza”.  
 
Autora de máis de 40 publicacións científicas e varias patentes, acumula numerosos recoñecementos nacionais e internacionais. Foi incluída por Business Insider na lista dos 23 mozos españois chamados a liderar a revolución tecnolóxica. Recibiu, entre outros, o premio ao Novo Talento Científico Feminino da Fundación Real Academia das Ciencias e Mastercard, e o premio Ada  Byron Novo outorgado pola Universidade de  Deusto. 

Ademais, é unha gran divulgadora e impulsora da ciencia e a tecnoloxía entre as mulleres máis novas, liderando varias iniciativas para romper a fenda de xénero en carreiras técnicas, entre elas, o concurso internacional Wisibilízalas, onde nas súas cinco  edicións participaron máis de 3.000 mozos de España e Latinoamérica, que crearon máis de 1200 páxinas web de mulleres profesionais en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas. Wisibilízalas rompe estereotipos e promove o uso da tecnoloxía e as competencias dixitais, fomenta o traballo en equipo, mellora a capacidade de investigación e a creatividade. 

Na súa opinión, “a muller continúa  infrarrepresentada no ámbito tecnolóxico, e isto é un problema grave porque a tecnoloxía necesita deseñarse en ámbitos diversos e corre o risco de ser desenvolta con enfoques parciais que a fagan  inutilizable. Por outra banda, o tecido empresarial tecnolóxico está a xerar moito emprego, e a muller non pode quedar fóra desta gran oportunidade, se non o problema do enfoque de xénero agravarase cada vez máis”.  
 
Entre as claves para unha maior presenza da muller no ámbito científico-técnico, destaca que “cómpre mellorar a forma coa que informamos ás mozas sobre estas carreiras, mostrarlles o amplo abano de novas aplicacións que a ciencia e a tecnoloxía teñen na nosa sociedade, en campos tan diversos como a medicina, a economía, a sustentabilidade… Cando a  Universitat  Pompeu  Fabra lanzou o Grao en Enxeñería Matemática en Ciencia de Datos, fixemos unha gran campaña liderada por docentes e investigadoras, na que visitamos centros de secundaria mostrando as múltiples aplicacións prácticas da ciencia de datos. Conseguiuse un balance de xénero nesta carreira que aínda se mantén”.