A entidade impulsa o networking, a tecnoloxía dixital e o financiamento europeo para crecer no mercado mundial de fala española e portuguesa que supera os 800 millóns de persoas
Será homenaxeada na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa Empresarial da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” a Red Mundo Atlántico pola súa achega á innovación social e á internacionalización das pequenas e medianas empresas do Eixo Atlántico a través da súa rede de networking e de impulso ao financiamento europeo dos proxectos.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Red Mundo Atlántico (RMA) é unha organización sen ánimo de lucro que busca propiciar o cambio positivo e resolver problemas complexos a través da innovación social e a tecnoloxía dixital. Con este fin, un centenar de empresarios e executivos de España e Portugal uniron forzas en xaneiro de 2021 para promover no Eixo Atlántico un ecosistema innovador que impulse o crecemento, a xeración de negocios e o desenvolvemento de proxectos baixo unha cultura integradora. Entre os creadores da rede figura a Associaçao Empresarial de Portugal (AEP) fundada en 1849 -a actual Cámara de Comercio e Industria da Rexión Norte-, ademais de contar co apoio da Enterprise Europe Network, a maior rede mundial de impulso á innovación e á internacionalización das pequenas e medianas empresas, promovida pola Comisión Europea.
Segundo o presidente de Red Mundo Atlántico, Mariano Gómez-Ulla de Irazazabal, “el ecosistema impulsa las empresas en un mercado potencial de habla portuguesa y española que en el mundo supera los 800 millones de personas, difunde la oportunidad que abren los Fondos Next Generation y ayuda a mejorar la comunicación entre universidades y empresas”.
Ecosistema ubicuo de institucións, empresarios e profesionais
O proxecto, COfinanciado polos programas COSME e Horizonte 2020 da Unión Europea, hibrida as catro sedes presenciais da Coruña, Vigo, Oporto e Madrid cunha sede virtual de realidade inmersiva, ademais de manter acordos con outros clubs empresariais e unha importante rede de embaixadores en diversos puntos do mundo. Deste modo, conforma un ecosistema ubicuo de institucións, empresarios e profesionais dotado de múltiples servizos de valor.
RMA enfócase en catro liñas estratéxicas claves: impulsar a presentación de proxectos aos fondos europeos por parte das pemes, mellorar o intercambio de coñecemento entre as universidades e as empresas, abrir mercados internacionais aos asociados e aliados, e ter presenza nos principais centros de decisión para exercer de lobby.
Sobre estas premisas o plan director da entidade recolle dezasete obxectivos estratéxicos e as súas correspondentes accións. Entre outras metas, RMA busca paliar o despoboamento das areas rurais, humanizar a tecnoloxía e diminuír a fenda dixital na cidadanía, aproveitando as oportunidades da tecnoloxía de comunicación 5G, así como contribuír ao desenvolvemento da Axenda 2030 e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, cos que aliña a súa estratexia e plan de acción.
Os impulsores de Red Mundo Atlántico basean o seu modelo de innovación social no concepto económico da tripla hélice (Etzkowitz e Leydesdorff 1990), que promove a actuación concertada das empresas, as universidades e os gobernos, engadindo ao mesmo á sociedade civil para crear novos coñecementos e innovación, e resolver complexos problemas sociais. Para acadalo, RMA apóiase non só nas ferramentas dixitais senón tamén no valor dos profesionais de longa traxectoria que achegan a súa experiencia e talento ás organizacións empresariais baixo a figura do interim management.