Pasar al contenido principal

A empresa galega Councilbox recibe do CPEIG o Premio Iniciativa Emprendedora pola súa tecnoloxía de reunións remotas con voto electrónico e validez legal

Councilbox

A ferramenta, válida para institucións e empresas, xera a documentación, os certificados e as evidencias de proba electrónica, e permite a atención cidadá, co conseguinte aforro de tempo e custos

Será homenaxeada na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa Emprendedora da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” á empresa galega Councilbox, con sede central en Nigrán, pola súa tecnoloxía de reunións remotas con voto electrónico e validez legal.

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

Councilbox, que concentra a maior parte dos seus profesionais nas súas oficinas de Nigrán (Pontevedra) e de Teo (A Coruña), é a primeira solución tecnolóxica que xestiona de forma integral os procesos de reunións telemáticas (xuntas de accionistas, asembleas, comités corporativos, plenos de organismos públicos, etc.) garantindo a súa validez legal e tamén ofrece unha solución para que as administracións públicas poidan prestar atención ao cidadán de forma virtual e trazable, cumprindo a normativa existente.

A solución é fácil de usar e non require instalación previa, e conta con funcionalidades como a convocatoria guiada, os censos para cada tipo de reunión, o reconto automático das votacións, a xestión automática das delegacións de voto, e a sinatura dixital dos documentos resultantes. Ademais, evita a inxente produción de documentos en papel, ao xerar por se mesma a documentación obrigatoria nas  reunións corporativas (lista de asistentes, acta, certificacións de acordos) así como os certificados e as evidencias de proba electrónica.

Esta ferramenta dá flexibilidade ás reunións e é válida para calquera organización grazas á súa alta capacidade de configuración, adaptándose a todas as lexislacións e necesidades xurídicas. Permite a participación en remoto e en presencial, admitindo reunións híbridas, facilitando así a asistencia e a constitución de quórums desde calquera localización, favorecendo a conciliación persoal e laboral. Tamén conta con funcionalidades avanzadas de configuración de voto como delegación, ponderación por punto da acta ou selección múltiple de opcións.

Outra vantaxe de Councilbox é o aumento e mellora da produtividade, aforrando un  80% do tempo dedicado a preparar e celebrar reunións. A automatización e simplificación dos procesos reduce os posibles erros en todos os pasos, desde a convocatoria ata a celebración e xeración da acta. Adicionalmente, conta con  funcións para potenciar a organización documental, facilitar o acceso aos arquivos  de cada reunión e xerar libros de acta, ademais de garantir a custodia durante cinco anos.

A validez legal das reunións baséase no uso da tecnoloxía ‘blockchain’ na xestión de evidencias de proba, achegando unha firma e a custodia legal a todos os procesos e celebracións da empresa ou institución, de forma que non poidan ser impugnados. Permite que un avogado estea presente en cada reunión sen necesidade de desprazarse, así como delimitar quen accede a cada contido. Ademais, Councilbox adáptase á lexislación vixente en cada momento e blinda a seguridade dos conselleiros.

Segundo explican os seus socios fundadores Agustín Tourón e Víctor López, “Councilbox naceu como unha pequena startup e tras estes anos de retos infinitos e traballo duro, estamos a lograr acadar a nosa meta de converternos nunha referencia europea dentro do segmento ‘legaltech’”. Entre as vantaxes para as institucións e as  empresas destacan “a solidez, a sinxeleza de uso e a validez legal que achega ás reunións celebradas de forma remota, combinando a seriedade procedemental e a seguridade xurídica cun drástico aforro de tempo, custos e recursos da compañía”.

Tendo en conta o novo escenario de traballo híbrido e remoto que impulsou ás compañías a buscar novas formas de comunicarse e xestionar os procesos empresariais a distancia, “desde Councilbox decidimos buscar novas aplicacións da nosa tecnoloxía, como a atención cidadá certificada, con gran éxito, como demostra o noso acordo co Ministerio de Xustiza. O futuro xa está presente nas nosas empresas e nós queremos conseguir que o que poida parecer complicado sexa un trámite sinxelo, rápido e automático”, aseguran. 

Ademais de manifestar a satisfacción de todo o equipo profesional polo premio do CPEIG, o CEO de Councilbox Javier Polo subliñou o traballo diario que desenvolven “para mellorar a nosa tecnoloxía co obxectivo de facilitar a celebración de reunións corporativas remotas e os nosos servizos de atención cidadá.  Na actualidade contamos con clientes tan relevantes como o Ministerio de Xustiza e varias empresas cotizadas, o que é unha proba máis do atractivo da nosa proposta, e da nosa solidez e eficacia”.